Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno inicia o proceso para baixar ao Villa de Pitanxo

O Goberno inicia o proceso para baixar ao Villa de Pitanxo

A baixada ao barco, que será, previsiblemente, na primavera ou no verán de 2023, trasladóullela Bruxelas ás familias dos falecidos

O Parlamento Europeo, coa unanimidade dos grupos políticos, pedirá a España que informe sobre a investigación do naufraxio

G24.gal 25/10/2022 19:44 Última actualización 25/10/2022 20:50

A comisión de Peticións do Parlamento Europeo acordou este martes de forma unánime pedir ao Goberno español que informe sobre como procederá para investigar o naufraxio en augas canadenses do Villa de Pitanxo o pasado febreiro, incluído o informe e a baixada ao barco que solicitaban as familias das vítimas.

A carta pedirá que informen "de todas as actuacións que vaian realizando co obxecto de dar cumprimento ao establecido na Directiva sobre investigación dos accidentes marítimos, instándoos a que actúen coa maior celeridade e dilixencia posible". A carta subliñará a unanimidade na comisión de Peticións sobre a importancia de dar curso ás solicitudes das familias no tocante ao esclarecemento das causas do naufraxio do Villa de Pitanxo.

Ademais, solicitarán á Comisión Europea que faga un seguimento de como España está a aplicar a normativa e do informe que ten que facer sobre as circunstancias do accidente e solicitarán unha opinión sobre o caso ás comisións parlamentarias de Emprego e Pesca.

Durante a reunión de hoxe, a Comisión de Peticións da Eurocámara foi testemuña dunha pouco habitual unanimidade entre todos os grupos políticos para solicitar información sobre o naufraxio do arrastreiro de Marín en Terra Nova en febreiro deste ano, que deixou 21 falecidos.

As familias das vítimas piden "coñecer a verdade"

A portavoz das familias das vítimas María José de Pazo lembrou diante dos eurodeputados as circunstancias do naufraxio e como o patrón do barco decidiu "seguir pescando en zona de risco" a pesar da previsión de temporal, algo que levou a un naufraxio sobre o que aínda hai moitas "incógnitas". "Seguimos insistindo en coñecer a verdade para facer xustiza e para evitar que volva suceder. O Parlamento Europeo debe ser altofalante e garante de que, se se produce un naufraxio, a verdade non pode quedar sepultada debaixo do mar", pediu De Pazo, filla dun dos tripulantes falecidos, que acusou a España de non cumprir coa directiva sobre a materia.

Baixada ao barco

A Comisión Europea, pola súa banda, trasladou aos eurodeputados que a directiva europea vixente esixe a apertura por parte da Comisión permanente de investigación de accidentes e incidentes marítimos dunha investigación "de seguridade" que investigue as causas, e, aínda que non é penal, debe producir un informe polo menos provisional nos 12 meses posteriores ao incidente, é dicir, para febreiro de 2023. A representante comunitaria tamén trasladou que o Goberno español xa puxo en marcha os procesos e licitacións necesarias para emprender a baixada ao barco afundido que lle solicitaban as familias, previsiblemente na primavera ou verán de 2023.

Reaccións políticas 

Os reclamos das familias dos falecidos no Villa de Pitanxo atoparon unanimidade en  todos os grupos políticos que se pronunciaron: PP, PSOE, Ciudadanos, BNG e Esquerda Unida.

No PSdeG, Nicolás González Casares considerou que será importante "avanzar e que se esclarezan as causas" do accidente, e, aínda que dixo que "non pode sosterse que o Goberno de España quedase de brazos cruzados", afirmou entender "o que manifestan aquí as victimas".

O eurodeputado do PP Francisco Millán Mon, pola súa banda, considerou unha “gran noticia” que Bruxelas lles trasladase que España estea disposta a baixar ao barco no primeiro semestre de 2023, pero lamentou que se perdeu “un tempo valiosísimo” e criticou que o Goberno español non aceptase ofertas de diferentes organismos que lle ofrecían medios para emprender a operación.

Se se foi varias veces ao Titanic, como é posible que o Ministerio de Transporte leve oito meses facendo consultas?”, preguntouse pola súa banda Ana Miranda. A eurodeputada do BNG considerou tamén “incomprensible” que as familias atopasen obstáculos a recibir axudas sociais e denunciou o estado do material de seguridade nos barcos e a “complicidade coas navieiras” para deixar saír ao mar os barcos sen inspeccións laborais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade