Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno británico recúa e non baixará os impostos ás rendas máis altas

O Goberno británico recúa e non baixará os impostos ás rendas máis altas

O ministro británico de Economía, Kwasi Kwarteng, acaba por renunciar á controvertida medida pola presión no seo do partido conservador

O ministro británico de Economía, Kwasi Kwarteng O ministro británico de Economía, Kwasi Kwarteng
G24.gal 03/10/2022 09:54

O ministro británico de Economía, Kwasi Kwarteng, anunciou este luns que o Goberno renunciará a baixar o tramo máis alto do imposto sobre a renda do 45 % ao 40 %, unha decisión que suscitara unha rebelión nas propias filas conservadoras.

"Está claro que a abolición da taxa do 45 % converteuse nunha distracción na nosa misión primordial de abordar os desafíos do noso país. Como consecuencia, non seguiremos adiante coa súa abolición. Entendémolo, e escoitamos", sinalou o ministro nun comunicado.

O plan fiscal presentado por Kwarteng o pasado 23 de setembro creara convulsións nos mercados ante as dúbidas sobre a capacidade de Londres de asumir a débeda pública xerada pola baixada de impostos, ante a ausencia de previsións de crecemento.

A primeira ministra, Liz Truss, que asumiu o poder fai menos dun mes, defendía aínda este domingo nunha entrevista coa BBC a decisión de baixar os impostos aos maiores ingresos, aínda que a atribuíu directamente ao seu ministro de Economía.

O xiro de 180 graos coñecido este mañá responde, segundo os medios británicos, á ameaza crecente de deputados tories de votar en contra do plan no Parlamento.

Coa renuncia para rebaixar o imposto sobre a renda aos máis ricos, o titular de Economía considera que poderá "enfocarse en levar a cabo as partes principais do paquete de crecemento".

O ministro non estuda renunciar ao seu cargo, despois de que algúns dos seus correlixionarios cuestionaran a pertinencia da súa continuidade no gabinete.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade