Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba este martes un plan para reducir o consumo enerxético

O Goberno aproba este martes un plan para reducir o consumo enerxético

O plan regulará a iluminación exterior pero non porá límite ás luces de Nadal dos concellos

A base do plan será a estratexia de aforro enerxético aprobada en agosto, como a baixada dos termóstatos en edificios públicos e o apagado de escaparates

G24.gal 10/10/2022 18:57 Última actualización 10/10/2022 20:08

O Consello de Ministros aproba este martes o Plan de Continxencia Enerxética.

É unha estratexia que o Goberno deseñou durante os últimos meses para reducir o consumo enerxético de cara ao próximo inverno, tal e como esixe Bruxelas a todos os Estados membros.

O plan leva practicamente listo varias semanas, pero o Goberno decidiu atrasar a súa aprobación ata despois da celebración do Consello extraordinario de ministros de Enerxía o pasado 30 de setembro para coñecer as medidas adoptadas de forma conxunta polos Vinte e sete e incorporar os últimos detalles á estratexia nacional.

Para preparar este plan, a ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera reuniuse nos últimos meses cos máximos directivos de compañías como Enagás, Redeia, Naturgy, Iberdrola e Endesa e con asociacións do sector enerxético, electrointensivo, comercio e turismo, e ata en dúas ocasións cos diferentes grupos parlamentarios.

Revisarase a iluminación exterior pero non se pon límite ao uso das luces do Nadal

Entre outros aspectos, o borrador do plan español recolle unha revisión técnica do regulamento de iluminación exterior, aínda que non establece ningún tipo de límite, só recomendacións, ao uso de luces do Nadal por parte das administracións locais.

Ademais, prevé introducir nova información explicativa na factura da luz, concretamente o consumo medio rexistrado no mesmo código postal, unha novidade coa que se pretende incentivar o aforro mediante a comparación cos consumidores veciños.

O novo paquete súmase a outras medidas anteriores

Previamente, o Goberno aprobou en maio unha serie de medidas de aforro e eficiencia enerxética para a Administración Xeral do Estado e as entidades do sector público estatal.

Posteriormente, en agosto impulsou a estratexia de aforro enerxético, con medidas que serán a base do plan de continxencia e entre as que se atopan a regulación dos termóstatos en determinados edificios e o apagado de escaparates.

Medidas europeas

Os gobernos da Unión Europea acordaron medidas conxuntas para reducir o consumo e a dependencia enerxética de Rusia, que pasan por diminuír o consumo de electricidade, establecer un límite aos ingresos das renovables, a nuclear e o carbón e fixar un imposto ás petroleiras.

A redución do consumo de electricidade fixouse no 10 % respecto da demanda habitual, cunha porcentaxe obrigatoria do 5 % nas horas pico, mentres que o imposto ás petroleiras e gasistas gravará o 33 % dos beneficios extraordinarios, que son aqueles que superan o 20 % da media rexistrada no últimos catro exercicios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade