Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno prohibe despedir a quen recibe axudas pola alza da enerxía ou se acolle a un ERTE

O Goberno prohibe despedir a quen recibe axudas pola alza da enerxía ou se acolle a un ERTE

O Executivo quere que o 1 de abril estean en vigor as medidas aprobadas no Consello de Ministros. "Que os cidadáns xa o noten cando vaian ao surtidor", di Calviño.

O executivo reclama unidade aos partidos neste momento para aprobar as medidas 

O bloque da investidura cre que o plan de choque do Goberno é insuficiente, pero non o tombará

O Goberno recorta os beneficios extraordinarios das eléctricas 

G24.gal 29/03/2022 09:54

O Goberno vai prohibir o despedimento obxectivo nas empresas que reciban axudas do plan para paliar as consecuencias da guerra de Ucraína, así como nos que se aleguen causas que teñen que ver co prezo da enerxía.

"Non é necesario despedir, teñen os recursos públicos para impedilo", incidiu na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, nunha mensaxe dirixida aos empresarios.

A vicepresidenta sinalou que será inxustificado o despedimento cando sexa por causas que teñen que ver co prezo da enerxía, algo que tampouco poderán facer quen reciban axudas directas do plan e, como viña ocorrendo, quen opten por acollerse a un ERTE. "Terán que devolver as axudas", engadiu Díaz.

É unha das medidas que este martes aprobou o Consello de Ministros dentro do plan para dar resposta ao impacto da guerra en Ucraína. As principais xa foran adiantadas este luns polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e inclúen a bonificación de 20 céntimos por litro de carburante para todos os condutores, o incremento do ingreso mínimo vital, ou a extensión do bono social eléctrico.

As tres vicepresidentas do Goberno, Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera, foron as encargadas de debullar na conferencia de prensa posterior ao Consello as principais liñas do real decreto-lei aprobado este martes.

"O impacto desta crise no PIB e a inflación dependerá da resposta que deamos", advertiu a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, quen defendeu que o Goberno está a actuar con "responsabilidade" e puxo en valor o "intenso proceso de diálogo" do Executivo cos sectores máis afectados, os axentes sociais, os grupos políticos e as comunidades autónomas.

O Goberno contempla a mobilización 16.000 millóns de euros con este plan, dos que 6.000 millóns corresponden a axudas directas e baixada de impostos e outros 10.000 ao impulso dunha nova liña ICO.

Cinco eixes de actuación

Está baseado en cinco eixes principais: axudas a familias, traballadores e desprazados; axudas ao tecido empresarial; medidas en materia de transportes; medidas en materia de ciberseguridade e medidas en materia de enerxía.

Entre as medidas destaca a bonificación cun mínimo de 20 céntimos o litro de combustible para todos os cidadáns, non só para os transportistas. O Goberno aplicará unha rebaixa de 15 céntimos e as petroleiras un mínimo de 5 céntimos.

Tamén se incorporará a limitación das revisións das subidas dos prezos dos contratos de alugueiro de vivenda ao 2 % no próximos tres meses, así como o aumento do 15 % na contía do ingreso mínimo vital (IMV) para chegar a máis familias vulnerables.

Ademais, estenderase a 600.000 familias máis o bono social eléctrico; prorrógase ata o 30 de xuño a rebaixa impositiva na luz e permitirase que as empresas acudan a medidas de flexibilidade, como os ERTE, á vez que os despedimentos obxectivos prohíbense nos sectores que reciban axudas, como xa sucedeu durante a pandemia.

En canto ás medidas para apoiar o tecido económico e empresarial, o plan contempla unha nova liña de avais de créditos ICO por 10.000 millóns de euros para cubrir necesidades de liquidez provocadas polo aumento temporal do custo da enerxía e os combustibles. 

Así mesmo, o plan contempla un paquete de axudas directas de 362 millóns de euros para o sector da agricultura e a gandería, e outro duns 68 millóns para o pesqueiro; 500 para a industria gran consumidora de enerxía e outros 125 para industria con utilización intensiva de gas, ademais dos 450 destinados ao transporte de mercadorías e viaxeiros.

Prezo do gas

Respecto ao prezo do gas, Nadia Calviño, afirmou que o obxectivo do Goberno español é negociar coa Comisión Europea "o máis baixo posible", co fin de abaratar de forma significativa o prezo da electricidade.   

"Para determinalo estamos a levar a cabo un traballo rigoroso e técnico con Portugal e coa Comisión Europea, pero o noso obxectivo é fixar o prezo máis baixo que sexa posible", subliñou Calviño.

Previamente, a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, tras resaltar a importancia da 'excepción ibérica' que conseguiron España e Portugal no último Consello Europeo, sinalou que "o obxectivo político é reducir o prezo da electricidade" e que o "compromiso" é que "canto máis baixo sexa o prezo que a Comisión Europea autorice será mellor para nós. Pero iso non quere dicir que haxa un obxectivo e que se ao final queda por encima sexa un fracaso", advertiu.  

Con todo, Ribera deixou claro que "en calquera escenario, o prezo vai ser máis baixo. O prezo do gas estivo ao redor de 20 euros o megawatt/hora ( MWh) desde que comezou a operar o mercado ibérico de electricidade. En 2021 estivo en 50 euros e en 2022 a media está por encima dos 120 euros", de aí a complexidade de fixar un prezo tope na actualidade que sexa acordado co da Comisión Europea.

Recurte nos beneficios extraordinarios das eléctricas

O Goberno tamén decidiu limitar nos contratos bilaterais as ganancias das eléctricas que obteñen beneficios do alto prezo do gas no mercado aínda que non o usen para producir electricidade.

Á espera de que España E Portugal presenten unha proposta conxunta para aminorar os chamados "beneficios caídos do ceo" no mercado maiorista de electricidade conforme á excepción ibérica temporal consentida por Bruxelas, acordouse reducir esas ganancias un 90 % nos contratos novos ou a renovar nos que se supere o umbral dos 67 euros/megawat hora.

Deste xeito, trátase de evitar rendibilidades para as compañías eléctricas que "estean por riba do razonable" e só se poden imputar ao desorbitado crecemento do prezo do gas.

O 1 de abril entra en vigor o decreto

Calviño explicou que as medidas aprobadas este martes entrarán en vigor o antes posible e que a intención do Goberno é que sexa o 1 de abril. En concreto respecto á bonificación do combustible dixo que os técnicos da Axencia Tributaria están traballando para que sexa posible que "ese 1 de abril os condutores xa o vexan cando van ao surtidor".

A vicepresidenta primeira tamén dixo que agardaba o apoio decidido do Congreso a estas medidas. "É o momento da unidade", dixo dirixíndose aos grupos políticos.

As gasolineiras din non ter cartos para adiantar as bonificacións dos combustibles

As gasolineiras galegas di que aplicar os descontos de 20 céntimos por litro de combustible non vai ser sinxelo. Din que non teñen marxe para adiantar os cartos.

A Federación Galega de Estacións de Servizo, que representa o 70 % da facturación galega, di que os empresarios non poden poñer do seu peto os 20 céntimos de rebaixa que promete o Goberno. Insisten en que son pequenas e medianas empresas que atravesan unha situación complicada despois de dous anos de perdas. Aseguran que se eles teñen que adiantar os cartos a bonificación quedará sen efecto.

Por iso pídenlle ao Goberno que explique con claridade como se vai aplicar o desconto.

"Non imos pode asumir adiantar eses cartos nin cobrar nin que a nós nos cobren 20 céntimos máis por un produto e vendelo 20 céntimos máis barato porque non existen esas marxes no mercado. Iso si que poñería xa en grave risco total a liquidez destas empresas" explica o presidente da FEGAES, Xulio López.

Minuto a minuto

13:41

Comeza a comparecencia. Están presentes na conferencia de prensa as tres vicepresidentas, Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera.

13:42

Nadia Calviño di que “a inxustificada agresión a Ucraína está tendo efectos económicos e sociais. Supón un choque económico que vai afectar a todos os países europeos. O Goberno está actuando con responsabilidade”.

13:44

“Da mesma maneira que fixemos fronte á pandemia a resposta europea está marcada por tres principios: unidade, determinación e solidariedade”, di Calviño.

13:46

“O plan trata de lograr oito obxectivos e supón unha mobilización extraordinaria de recursos públicos, ata 16.000 millóns de euros”, explica a vicepresidenta primeira.

13:47

O primeiro piar destas medidas, explica Calviño, son as destinadas a apoiar ás familias, os refuxiados, os traballadores… e son as xa explicadas este luns por Pedro Sánchez, coa bonificación dos combustibles, a suba do ingreso mínimo vital, a ampliación do bono social eléctrico ou a limitación da suba dos alugueiros.

13:51

Nadia Calviño tamén fala das medidas de axudas a empresas, as axudas sectoriais, e tamén aquelas destinadas a avalar a actividade económica para garantir liquidez.

13:53

“Tamén adoptamos axudas directas, que inclúen 362 millóns para o sector da agricultura e gandeiría”, avanza Nadia Calviño. “68 millóns para o sector pesqueiro, máis de 500 millóns para os grandes consumidores de electricidade, 125 para a industria gasintensiva e 450 para as empresas de transporte de viaxeiros e mercadorías”.

13:56

Calviño di que o plan “non ten precedentes” e “é ambicioso e eficaz”.

13:58

A vicepresidenta segunda e titular da carteira de Traballo, Yolanda Díaz, anuncia que o Goberno vai destinar 2.7000 millóns para a empregabilidade de mulleres e mozos.

14:01

“O Goberno de España está co seu país”, di Yolanda Díaz. “Atrévome a dicir que é unha das normas con maior ambición da historia do noso país. Ímolo volver facer e desta crise imos saír xuntos”.

14:03

“Quero lanzar unha mensaxe clara ás empresarias e empresarios deste país: nas crises cando hai mecanismos de protección social non hai que despedir”, di Yolanda Díaz.

14:04

“Será inxustificado o despedimento cando se produza por causas de incremento da enerxía”, explica a vicepresidenta segunda, porque van recibir axudas para paliar eses maiores custos.

14:06

Tampouco o poderán facer aquelas empresas que recorran a un erte. Díaz di que “non tería sentido destinar recursos públicos a isto e que despois se poida despedir os traballadores”.

14:07

“O Goberno ten o mandato de protexer as persoas que viven de alugueiro”, di Yolanda Díaz, que detalla as medidas para limitar a suba dos alugueiros.

14:09

A vicepresidenta terceira, Teresa Ribera, di: “Consideramos imprescindible adoptar medidas para paliar o efecto da suba do prezo da enerxía”. “O noso obxectivo e reducir ou conter os prezos para evitar que se produza unha espiral inflacionista”.

14:12

“É certo que a resposta estrutural é a transición enerxética. Pero tamén é certo que hai que repartir equitativamente os esforzos”, di Ribera.

14:13

A vicepresidenta terceira destaca “a resposta unida” dos socios europeos, que consolida unha política enerxética europea, en que destaca que se ven reflectidas algunhas das impulsadas por España.

14:14

Teresa Ribera repasa as medidas adoptadas ao respecto do mercado da enerxía e os carburantes.

14:19

“Un dos bloques máis importantes”, di Ribera, “ten que ver coa aceleración coa transición enerxética: máis eficiencia, máis aforro, máis renovables, máis intelixencia nos nosos consumos”.

14:22

“Quizais un dos cambios máis importantes é o fortalecemento do bono social eléctrico e térmico”, di a vicepresidenta terceira. Será prorrogado por dous anos para aqueles que son beneficiarios e de concesión automática para todos os que perciben o ingreso mínimo vital.

14:28

Comeza a quenda de preguntas.

14:32

“A excepción Ibérica é enormemente importante”, di Ribera. “Estamos traballando intensamente cos nosos colegas portugueses. Queremos notificar a proposta esta semana. A nosa previsión é que poida estar aprobada en tres ou catro semanas”.

14:33

“Creo que no noso país os axentes sociais sempre estiveron á altura, e esta vez tamén o van estar”, di Yolanda Díaz, en reflexión sobre as negociacións de salarios. Respecto á prohibición de despedir, di que “xa estivo presente na anterior crise, e non é nada novo”.

14:35

Calviño di que “hoxe o que estamos facendo é poñer en marcha un plan de choque, para que canto antes cambiemos a tendencia actual dos prezos”. “Todos somos conscientes de que unha das consecuencias máis importantes desta guerra é a incerteza”. “Articulamos un paquete para tres meses pero adaptaremos estas medidas ás circunstancias que se poidan producir”, asegura a vicepresidenta primeira.

14:37

“Desde o primeiro momento a nosa mensaxe é moi clara: este Goberno busca a unidade”, asegura Calviño. “Nestas últimas dúas semanas fixemos un maratón de reunións”, explica. “Creo que todo iso se ve reflectido nestas medidas e agardamos un apoio unánime cando se teñan que aprobar no Congreso. Este é o momento da unidade”.

14:41

“Este paquete de medidas incorpora rebaixas de impostos”, di Calviño sobre a reclamación do PP sobre o acordo para baixar tributos pactado na Conferencia de Presidentes.

14:46

“Estamos nos meses do ano no que a previsión da alza dos prezos é máis elevada”, asegura Nadia Calviño. “A medida non pode ser unha baixada xeneralizada dos impostos que leve a un estímulo fiscal do conxunto da economía senón actuar sobre os sectores e colectivos máis directamente afectados”.

14:51

“Creo que neste momento facemos unha proposta e imos ver que resposta dan os grupos políticos”, di Calviño. “Non vou adiantar acontecementos. Veremos se o señor Feijóo aproveita para mostrar un cambio de orientación do PP nun tema tan importante para os españois”.

14:54

“Queremos baixar o prezo da luz”, asegura Ribera. “O detalle de como se faga isto é algo no que traballamos con Portugal e a Comisión. Sabemos que en calquera caso o prezo será considerablemente máis baixo”.

15:00

“A intención é que a rebaixa do combustible se aplique a partir do 4 de abril”, explica Teresa Ribera.

15:04

Calviño aclara que se está traballando coa Axencia Tributaria para que as medidas sexan efectivas o 1 de abril, “que os cidadáns o vexan cando vaian ao surtidor a partir dese día”.

15:05

Finaliza a comparecencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar