Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso suaviza os impostos temporais previstos para as enerxéticas

O Congreso suaviza os impostos temporais previstos para as enerxéticas

Quedan excluídas de tributar as tarifas reguladas e as que se desenvolven fóra de España

A aprobación da lei someterase á votación a próxima semana no Congreso

G24.gal 17/11/2022 18:39 Última actualización 17/11/2022 19:30

A comisión de Asuntos Económicos do Congreso aprobou este xoves varias emendas á lei que regula os impostos temporais ás enerxéticas.

A oposición e algúns socios do Goberno queixáronse polas présas na tramitación e pola incorporación como emenda do imposto ás grandes fortunas.

O Goberno vetou nun principio a maioría das emendas presentadas, salvo as de PSOE e Unidas Podemos, pero decidiu despois retirar a súa desconformidade en aras dunha negociación que permitiu pactar cambios como a exclusión dos ingresos por actividades reguladas do gravame ás enerxéticas ou o traspaso da xestión destes impostos ás facendas forais.

Durante o debate, PP, Vox e Cs criticaron o veto inicial ás emendas da oposición e a introdución dunha nova obrigación tributaria para as fortunas de máis de tres millóns de euros, porque xa non se pode emendar e porque interfire na autonomía financeira das comunidades autónomas que teñen transferido o imposto sobre o patrimonio.

Uníronse ás queixas pola présa na tramitación PDeCAT e PNV, aínda que tamén agradeceron que o Goberno pactase con eles algúns dos cambios introducidos.

Entre os cambios pactados con PNV e PDeCAT, a emenda para excluír do pagamento do gravame enerxético, que ascende ao 1,2 % da facturación, a parte dos ingresos correspondente a actividades reguladas, tanto as tarifas reguladas de luz, gas e butano coma os obtidos de redes de transporte e distribución de electricidade e gas.

Así mesmo, excluíronse todos os ingresos obtidos por instalacións de xeración con retribución regulada e retribución adicional en territorios non peninsulares, incluídos os do mercado, e toda a facturación obtida fóra de España.

Outra das emendas recolle, tal e como anunciara o Goberno, limitar a compensación das perdas de filiais dos grupos empresariais no imposto de sociedades ao 50 % no exercicio 2023 e revisar as deducións fiscais ás producións cinematográficas.

As facendas forais van xestionar os impostos

Así mesmo, PSOE, Unidas Podemos e EH Bildu rexistraron emendas transaccionais para que as facendas forais de País Vasco e Navarra xestionen os novos gravames á banca e as enerxéticas. Para iso, fíxase no texto un prazo de tres meses para que a comisión mixta do concerto económico e a comisión coordinadora do convenio económico establezan a participación do País Vasco e Navarra nos gravames.

Tamén se especifica que o Goberno realizará, no cuarto trimestre de 2024, un estudo sobre os resultados de ambos os tributos co obxectivo de avaliar a posibilidade de darlles carácter permanente.

A aprobación da lei someterase á votación a próxima semana no Congreso.

As grandes enerxéticas valoran a redución do imposto

As grandes enerxéticas afectadas polo imposto cren que as emendas aprobadas este xoves, que poderían reducir drasticamente o importe para abonar, introducen certa "racionalidade" ao gravame, aínda que evitan pronunciarse ata coñecer o texto final.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade