Publicador de contidos
Publicador de contidos

A xuíza pecha o caso contra Trump polo asalto ao Capitolio a pedimento do fiscal

A xuíza pecha o caso contra Trump polo asalto ao Capitolio a pedimento do fiscal

A xuíza aceptou a solicitude presentada pola Fiscalía, que argumentou que a normativa do Departamento de Xustiza lle impide procesar un presidente en exercicio

G24.gal 25/11/2024 19:27 Última actualización 26/11/2024 08:04

A xuíza federal do Distrito de Columbia Tanya Chutkan pechou este luns o caso contra o presidente electo dos Estados Unidos Donald Trump por inxerencia electoral e o asalto ao Capitolio de 2021 despois de que llo pedise o fiscal especial Jack Smith.

A xuíza aceptou a solicitude presentada por Smith, quen argumentou que Trump gañou as eleccións do pasado 5 de novembro e que a normativa do Departamento de Xustiza ille impide procesar un presidente que estea en exercicio.

Nun escrito xudicial, Chutkan constatou que a fiscalía pediu desestimar o caso e que a defensa de Trump non se opón a iso, de maneira que determinou pechar a causa.

O fiscal abandonou as dúas acusacións penais que mantiña contra Trump en tribunais federais: a do asalto ao Capitolio, dirimida no Distrito de Columbia, e a dos documentos clasificados que o republicano levou da Casa Branca, un caso de Florida.

Trump dixo durante a campaña que no seu primeiro día como presidente despediría a Smith e ordenaría á fiscalía pechar os casos na súa contra, que, segundo sostén, foron motivados por unha persecución política.

"Foi un secuestro político, e que algo así puidese suceder foi un punto baixo na historia do noso país. Con todo, perseverei e, contra todo prognóstico, GAÑEI", declarou este luns o republicano ao coñecer a decisión de Smith.

Trump, que xa foi presidente entre 2017 e 2021, estaba acusado no Distrito de Columbia polos seus intentos de reverter os resultados das eleccións que perdeu en 2020 contra Joe Biden e por presuntamente instigar o asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021.

Ese día, unha turba de seguidores do republicano irrompeu no edificio do Congreso para tentar, sen éxito, frear a ratificación da vitoria electoral de Biden.

En Florida, Trump está acusado de levar sen permiso centenares de documentos clasificados do seu primeiro mandato e retelos ilegalmente na súa mansión de Mar-a-Lago.

A fiscalía afrontara moitas dificultades para avanzar en ambos os casos desde que o Tribunal Supremo, de maioría conservadora, sentenciou en xullo que os expresidentes do país gozan dunha ampla inmunidade xudicial.

A decisión de Smith de tirar a toalla supón unha nova vitoria xudicial para Trump, quen acumulaba ata catro imputacións por delitos penais.

En maio pasado, fixo historia ao converterse no primeiro expresidente condenado por un delito, despois de ser declarado culpable nun xuízo estatal de Nova York por falsificar rexistros comerciais para comprar o silencio da exactriz porno Stormy Daniels na campaña electoral de 2016.

Con todo, o xuíz Juan Merchan atrasou o pasado venres a sentenza do xuízo penal, que estaba programada para o 26 de novembro, e non deu indicacións para unha posible nova data.

Sobre Trump pesa un cuarto caso penal, nun tribunal estatal de Xeorxia, por inxerencia electoral nos comicios de 2020, pero a causa viuse afectada pola relación amorosa que a fiscal Fani Willis tivo cun subordinado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade