Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Constitucional avala a lei Celáa

O Constitucional avala a lei Celáa

O tribunal desestima integramente o recurso de Vox

G24.gal 23/03/2023 13:29

O Pleno do Tribunal Constitucional avalou integramente a lei educativa coñecida como lei Celáa, que foi un dos principais proxectos estrela do Goberno de Pedro Sánchez, sete maxistrados fronte a catro. O Tribunal de Garantías decidiu que se elabore un novo relatorio, conforme ao criterio da maioría, que desestime integramente o recurso de Vox.

Vox impugnou o que consideraba "a parte máis sectaria da lei", a que garda relación, segundo eles, co ensino concertado, a educación relixiosa, a educación diferenciada e os centros de educación especial, así como contra o carácter excluínte do castelán como lingua vehicular.

O novo borrador terá que someterse outra vez ao Constitucional, algo que se espera aconteza nas próximas semanas.

Rexeitado o borrador inicial

O relatorio asumirao o maxistrado conservador Ricardo Enríquez, unha vez que se rexeitou o seu borrador inicial que avalaba a norma aínda que con algunhas obxeccións.

Enríquez propoñía declarar constitucional a Lei orgánica de Educación de 2020, excepto os artigos que recollen que "os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos desenvolverán o principio de coeducación en todas as etapas educativas" e "non separarán ao alumnado polo seu xénero"; e que as administracións garantirán unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo e dispoñerán as medidas necesarias "para evitar a segregación do alumnado".

Incluía a parte da lei que sinala que "as administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e as alumnas para recibir ensinos en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución española, os estatutos de autonomía e a normativa aplicable".

Puntos polémicos

A coñecida como lei Celaá inclúe como puntos máis polémicos que o castelán deixa de ser lingua vehicular no ensino, que no prazo de 10 anos os centros ordinarios teñan os medios para escolarizar ao alumnado dos centros de Educación Especial ou que as administracións darán solo público gratis só para construír centros públicos e non concertados.

Os alumnos pasarán de curso cando o equipo docente o considere e tamén cunha ou dúas materias suspensas. Repetir é excepcional e o alumno só poderá facelo dúas veces como máximo ao longo de Primaria e Secundaria. Igualmente, non permite financiar con fondos públicos os centros que segreguen aos alumnos por sexo.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos