Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo imposto de plusvalías: o Goberno di que "dá seguridade aos concellos e aos contribuíntes"

G24.gal 08/11/2021 07:47

Os contribuíntes terán dúas opcións para determinar o imposto que pagan polo Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, coñecido como plusvalía municipal, logo de que o Consello de Ministros aprobase este luns o Decreto-lei co que se adapta á sentenza do Tribunal Constitucional sobre este tribunto.

Na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, a ministra portavoz do Goberno e de Política Territorial, Isabel Rodríguez, explicou que os cidadáns poderán optar por calcular o importe polo resultado obxectivo de multiplicar o valor catastral por uns novos coeficientes ou poderán decantarse polo cálculo a través dunha ganancia real, coa diferenza entre o prezo de venda e o de adquisición.  

No caso de que non obteña unha ganancia patrimonial pola venda da vivenda, quedará exento de pagar este imposto, segundo explicou.  

O Tribunal Constitucional declarou inconstitucionais determinados artigos deste imposto que, na práctica, supuña a nulidade do mesmo ao rexeitar o sistema de cálculo das plusvalías. En concreto, a sentenza indica que o método de cálculo da base impoñible conduce a un resultado que se afasta "notablemente" dos valores reais dos inmobles no mercado inmobiliario.  

Isabel Rodríguez destacou que o decreto aprobado "permite aos concellos non ter que recortar os seus servizos e garante o seu financiamento, á vez que se asegura aos cidadáns que non terán que pagar impostos cando non lles corresponde".

Seis meses para adaptarse

Os concellos levan desde o día 26 de outubro que se ditou a sentenza sen recadar por este tributo (cuxa recadación anual de 2019 ascendía a un total de 2.500 millóns), de aí a présa de Facenda para telo listo canto antes

Ao facelo mediante decreto-lei permite que poida entrar en vigor de maneira inmediata, unha vez publicado en Boletín Oficial do Estado (BOE), sen prexuízo de que posteriormente se poida tramitar no Parlamento como proxecto de lei suxeito a cambios.  

Pero á pesar desa présa porque entrase en vigor, o Goberno dalles ás entidades locais seis meses para adaptar a súa normativa ao novo marco legal, aínda que o texto entrará en vigor en canto se publique no 'Boletín Oficial do Estado' (BOE), presumiblemente mañá mesmo.  

Cabe lembrar, ademais, que o ditame do alto tribunal non permite que os contribuíntes poidan reclamar as autoliquidacións xa firmes ou que non estean recorridas á data da sentenza, polo que este decreto non ten efectos retroactivos.

Minuto a minuto

13:47

Comeza a comparecencia tras a reunión do Consello de Ministros.

13:48

A voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, informa sobre as exencións fiscais para os veciños da Palma

13:50

"É unha moi boa noticia para os concellos de España, e tamén para a cidadanía", explica a portavoz do Goberno sobre a aprobación da reforma do imposto de plusvalías.

13:51

Isabel Rodríguez di que a reforma do imposto de plusvalías "é un novo compromiso cumprido". "Os concellos non van ter que recortar os seus servizos, e os cidadáns non terán que pagar impostos cando non lle corresponde", asegura.

13:54

Os contribuintes que non obteñan ganancia non terán que pagar. E confírmase que haberá dúas formas para calcular o imposto, entre as que os cidadáns poderán escoller a que lles saía máis favorable.

13:56

Os concellos terán seis meses para adaptar a norma.

13:57

O seguinte acordo do que dan conta é da fusión dos concelllos de Don Benito e de Villanueva de la Serena, en Estremadura, que van realizar unha consulta popular que conta coa aprobación do Consello de Ministros.

13:59

A ministra Carolina Darias dá conta da da lei que blinda o acceso universal á sanidade.

14:05

Darias di que a lei ten como obxectivos principais "establecer medidas que consoliden a equidade, a cohesión e a universalidade no sistema nacional de saúde, para non deixar a ninguén atrás".

14:13

A norma unifica a carteira de servizos e blinda que non se poidan establecer novos copagamentos na sanidade.

14:17

Comeza a quenda de preguntas.

14:17

"Nós o que facemos é valorar o traballo dos empregados públicos, as forzas e corpos de seguirade do Estado e dos xuíces", di Isabel Rodríguez sobre o acontecido esta fin de semana no aeroporto de Palma de Mallorca, e non comenta as críticas por parte do Partido Popular.

14:19

Carolina Darias, sobre as críticas de Unidas Podemos á lei de sanidade, di que "é unha lei de todo o Goberno".

14:20

"É un compromiso do Goberno", explica Isabel Rodríguez sobre a reforma da lei de seguridade cidadá, a lei mordaza. Non obstante, asegura que non vai comentar as emendas que se presentaron nin como será a redacción final da reforma.

14:22

O Goberno cre que a reforma do imposto de plusvalía leva tranquilidade aos concellos e aos cidadáns, e que cumpre coas esixencias de constitucionalidades necesarias logo das varias sentenzas do TC que botou abaixo a norma anterior.

14:27

Carolina Darias insiste en que "é unha lei de todo o Goberno, da que estamos moi satisfeitos", a pesar de que Podemos considere que non forza a reversión das privatizacións na sanidade pública.

14:29

O Goberno insiste na "necesidade da renovación do CXPX".

14:41

Finaliza a conferencia de prensa

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade