O chuvasqueiro, o mellor aliado contra a choiva
Unha peza de roupa imprescindible
O chuvasqueiro inventouse hai 2 séculos e converteuse no mellor aliado para facer fronte a estes días de choiva
"A min encántame a choiva, e encántame Santiago pero hai que ter un impermeable, sempre", confesa unha señora.
Poderiamos vivir sen chuvasqueiros?
"Home, sería difícil, pódese pero é difícil".
"Aquí en Galicia, que che vou contar, aquí é imprescindible".
"Aquí son fundamentais, hai que taparse para non mollarnos", comentan na rúa.
Estes días os chuvasqueiros son a peza máis valiosa. De calquera deseño, cor e mesmo tamaño, quen máis quen menos está tendo que botar man deles.
"Con isto... vamos, con isto vas a onde faga falla", apunta un peregrino sinalando o seu chuvasqueiro.
Para os traballos e actividades á intemperie, os chuvasqueiros marcaron un antes e un despois.
" Ao final é un produto que é un recurso porque ti imaxina ter que estar traballando todo o día baixo a choiva sen ter nada con que cubrirte, como pasaba antes que ben usabas o coiro, usabas as graxas sobre a lona, había moitos recursos pero non era o mesmo a nivel comodidade", explica Antonio Toribio, xerente Armería Toribio
O chuvasqueiro naceu no ano 1823 grazas a un químico británico chamado Charles Macintosh. Farto da choiva de Escocia patentou un método para impermeabilizar as teas aplicando en diferentes tecidos unha mestura de nafta de alcatrán con caucho. Buscaba unha solución para resgardarse da choiva sen ter que utilizar as mans.
"Tívose que facer rico, miña nai, ese como o que inventou a fregona", chancea o peregrino.