Publicador de contidos

Prohiben o acceso dos evacuados da Palma aos seus fogares e as cinzas complican as conexións aéreas

Prohiben o acceso dos evacuados da Palma aos seus fogares e as cinzas complican as conexións aéreas

A erupción liberou xa 94 millóns de metros cúbicos de lava

As clases presencias seguen suspendidas en cinco concellos da illa

directo
G24.gal 03/11/2021 14:07

A erupción do volcán da Palma leva 45 días sen síntomas de esgotamento e a lava cobre xa case mil hectáreas da illa.

O empeoramento da calidade do aire obrigou o Cabido a suspender os permisos para que os evacuados accedan aos seus fogares para recoller as súas pertenzas.

Aínda non amencera na Palma cando membros da UME voaban o dron que lles permite monitorizar como evolucionan as once coadas que saen do volcán de Cumbre Vieja.

Desde que comezou hai 45 días, a erupción liberou xa 94 millóns de metros cúbicos de lava, suficiente para encher á vez 29 veces todos os encoros galegos.

Nas últimas horas, as achegas de lava desde o interior do volcán mantiveron un fluxo constante, pero non provocaron avances significativos sobre o terreo das distintas coadas. 

A calidade do aire no val de Aridane mellorou lixeiramente ao caer a concentración de partículas por baixo de cen microgramos por metro cúbico de aire.

A pesar desta mellora, as clases presencias seguen suspendidas en cinco concellos da illa e o Cabido cancelou os permisos para acceder ás zonas evacuadas.

A nube de cinza procedente do volcán levou ás compañías aéreas a evitar o aeroporto da Palma e está afectando tamén aos da Gomera e Tenerife norte.

Desde a pasada medianoite, rexistráronse na illa da Palma 41 sismos, o maior deles dunha magnitude de 4,9.

Publicidade
Publicidade
Publicidade