Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Plataforma Feminista pide que o asasinato de Cristina Cabo sexa considerado crime machista

A Plataforma Feminista pide que o asasinato de Cristina Cabo sexa considerado crime machista

A titular do Xulgado N.º 1 de Lugo decretou o seu ingreso no cárcere sen fianza

Antes, José Valencia participou nunha reconstrución dos feitos na vivenda da vítima, onde se viviron momentos de tensión

G24.gal 02/12/2022 13:37

José Valencia Silva, o homicida confeso de Cristina Cabo, pasou a súa primeira noite no cárcere lugués de Bonxe. Alí chegaba onte pola tarde por orde da xuíza instrutora, que decretou para el prisión comunicada e sen fianza.

Antes do seu ingreso no cárcere, o asasino de Cristina foi escoltado ata a vivenda da vítima para participar na reconstrución dos feitos. No Barrio da Milagrosa vivíronse momentos de dor e moita tensión ás portas da casa de Cristina Cabo.

Puido verse crispación tanto á entrada como á saída, no momento en que o detido saía da vivenda, despois da reconstrución dos feitos, e foi increpado polos veciños. Mesmo os axentes de policía que o escoltaban ao coche tiveron que reducir un home que intentou agredilo.

"Son situacións de tensión que se xeran con este tipo de casos. Como sempre, a policía está preparada e preveu que puidese pasar esa situación, que levou coa máxima tranquilidade posible, sen ningún dano para o detido. Por unha banda, porque hai que preservar a súa integridade, e sempre coa debida cautela cara ás persoas que manifestaban a súa desconformidade", dixo Manuel Arias, voceiro da Policía en Lugo.

Mentres o asasino entraba no cárcere de Bonxe, Lugo mostraba a súa repulsa ao brutal asasinato de Cristina Cabo nunha concentración na praza Maior. 

Na protesta, convocada pola Plataforma Feminista, coa que a vítima colaboraba, os centos de asistentes falaban directamente de crime machista. Con todo, o Goberno aínda non cualificou os feitos como tales.

Pola súa banda a Policía Nacional dá case por pechada a investigación do crime. "Agora está todo en mans da autoridade xudicial, co que a policía fará todas aquelas dilixencias que sexan ordenadas polo xulgado", explicou Manuel Arias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade