Nove mortos e preto de cen feridos por atropelo no que vai de ano nas estradas galegas
Nove mortos e preto de cen feridos por atropelo no que vai de ano nas estradas galegas
A normativa esixe o uso obrigatorio de chalecos reflectores para camiñar por vías interurbanas
Non levar eses reflectores pode supoñer unha multa de 80 euros
A estreita convivencia entre vehículos e peóns na extensa rede viaria galega ten a cada tanto efectos dramáticos. No que vai de ano nove persoas perderon a vida por un atropelo e arredor dun cento resultaron feridas, en moitos casos con secuelas permanentes graves.
Por iso desde Tráfico reiteran a necesidade de ter en conta as medidas de prevención para circular de maneira máis segura, agora que empeza o tempo no que as horas de luz van a menos e o mal tempo vai a máis.
Desde a DXT fan especial fincapé nunha determinada banda de idade, a dos xubilados, porque o perfil máis habitual das vítimas dos atropelos nas vías interurbanas de Galicia é o dunha persoa de entre 65 e 76 anos que anda polos arredores da súa casa, vestida con roupa escura e sen ningunha peza reflectora.
Os axentes de Tráfico seguen tentando aumentar a concienciación con intervencións e gravacións nas horas de lusco e fusco para facer ver o vital que resulta andar co chaleco reflector.
A normativa esixe o seu uso obrigatorio para camiñar por vías interurbanas, pero din que segue habendo moitas persoas ás que lles custa incorporalo aos seus hábitos cotiáns, aínda que vivan pegados a unha estrada.
Amais do risco para a vida, non levar eses reflectores pode supoñer unha multa de 80 euros.