Ambiente de festa entre o deportivismo coa esperanza de volver a Primeira
Na Coruña, o ambiente deportivista enche as rúas e a zona de Riazor
Os deportivistas esperan poder celebrar a volta a Primeira esta noite
"Ilusión" é unha das palabras máis escoitadas este domingo na Coruña
A Coruña espertou hoxe máis branco e azul que nunca. O deportivismo prepárase para festexar o posible regreso a Primeira División, unha vitoria en Valladolid supón o ascenso.
A zona dos arredores de Riazor é un punto neurálxico para as previas e os momentos posteriores aos partidos. Catro Camiños será tamén lugar de encontro para a celebración.
Entre os seareiros os ánimos son de ilusión e certa inquedanza polo que poida acontecer.
"Ilusión" é unha das palabras máis escoitadas na cidade herculina hoxe. A Televisión de Galicia ofrecerá unha programación especial a partir das oito e dez da tarde.
Haberá conexións en directo desde Valladolid e, tamén, desde os arredores de Riazor e desde a fonte de Catro Camiños, que xa está valada para acoller posibles celebracións.
No estadio José Zorrilla hai moitos deportivistas, que non queren perder a oportunidade de vivir un regreso á primeira categoría tras oito anos.
Conta atrás para o que podería ser o último tramo da viaxe de regreso do Deportivo á Primeira División. A cita no José Zorrilla é capital para os deportivistas, que viven a previa do encontro con moitísima intensidade.