Piden vixilancia para acabar cos roubos no polígono de Baión, en Vilanova de Arousa
Piden vixilancia para acabar cos roubos no polígono de Baión, en Vilanova de Arousa
O gasóleo do depósito de camións, obxectivo dos ladróns
Empresarios asentados no polígono de Baión, en Vilanova de Arousa, reclaman maior vixilancia para previr roubos. É unha área ampla e afastada en que só media ducia de parcelas están ocupadas, polo que a posta en marcha de seguridade privada suporía un custo inasumible.
Cada unha pon os seus medios antirroubo, como sinala Víctor, mostrando parte do seu equipo de vixilancia. É xerente de dúas empresas de camións cisterna.
"Leváronnos hai catro ou cinco meses o gasóleo e as baterías dunha cabeza tractora que tiñamos aparcada fóra. A inseguridade cidadá que as autoridades non saben ou non queren atallar", di Víctor Estévez, xerente de TLE.
Ademais dos cans, conta cunha instalación de videovixilancia que, recoñece, non sempre proporciona a eficacia buscada. Coa carestía actual do gasóleo, o medio de traballo da súa empresa de camións, converteuse en obxectivo de roubo. Sobre todo os que realizan longos percorridos e cargan nos seus depósitos varios centos de litros.
"Dentro do depósito do gasóleo pode haber mil litros. A dous euros, bótalle a conta. Dous mil euros que levan. Teñen moito gasóleo dentro e, despois, o de sempre, que hai quen merca ese gasóleo", di Estévez.
A operarios que traballan na posta en marcha dunha nova nave no mesmo polígono de Baión leváronlles recentemente gasóleo e outro material, pero non quixeron entrar nos pormenores do roubo.