Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis dun cento de persoas morren ao final dun partido de fútbol en Indonesia

Máis dun cento de persoas morren ao final dun partido de fútbol en Indonesia

Un grupo de seareiros saltou ao campo porque o seu equipo perdera e provocou unha liorta xeneralizada

G24.gal 02/10/2022 09:22 Última actualización 02/10/2022 22:08

Polo menos 127 persoas, incluídos dous policías, morreron nos disturbios violentos rexistrados ao remate dun partido de fútbol, cando un grupo de seareiros saltou ao campo porque o seu equipo perdera na illa indonesia de Xava.

Segundo explicou a policía en rolda de prensa, 24 persoas perderon a vida no interior do estadio, e o resto faleceu no hospital. Outras 180 persoas quedaron feridas e atópanse ingresadas en diferentes centros sanitarios.

A maior parte das mortes produciuse por mor da desbandada dos afeccionados que tentaban fuxir da pelexa xeneralizada, e decenas deles asfixiáronse.

"Era un espazo cheo de xente, que provocou dificultade para respirar, falta de osíxeno, que o equipo médico e o equipo conxunto tentaron facilitar no estadio", sinalou o comisario.

Ataque aos xogadores

A espiral de violencia empezou cando preto de 3.000 seareiros do equipo perdedor irromperon no campo e empezaron a atacar os xogadores, o que desatou un duro enfrontamento coas forzas de seguridade, que utilizaron gases lacrimóxenos nun intento de frear os ataques.

Nas imaxes e vídeos difundidos nas redes sociais vese como unha rabiosa multitude invade o campo, mentres os equipos e os árbitros tentan fuxir do céspede para evitar a furia da afección.

Suspendidos todos os partidos

Tras o incidente, a liga de fútbol de Indonesia suspendeu todos os partidos durante unha semana, e a Asociación de Fútbol (PSSI) do país anunciou a apertura dunha investigación para pescudar os feitos.

"PSSI lamenta as accións dos afeccionados do Arema no estadio Kanjuruhan. Lamentámolo e desculpámonos coas familias das vítimas e con todos polo incidente. PSSI formou inmediatamente un equipo de investigación", sinalou nun comunicado o presidente da entidade, Mochamad Iriawan, quen engadiu que o suceso “está a manchar a imaxe do fútbol indonesio".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade