Loito no balonmán galego polo falecemento de Pablo Aguirregabiria
Morreu aos 51 anos nun accidente de tráfico á altura de Baralla
Era o adestrador do OAR Coruña de balonmán, ao que dedicou máis de media vida
Será distinguido pola Xunta coa Medalla ao Mérito Deportivo a título póstumo
O balonmán galego tinguiuse de loito polo falecemento nun accidente de tráfico do adestrador do OAR Coruña Pablo Aguirregabiria (51 anos). Guipuscuano de nacemento pero coruñés de adopción, Aguirregabiria foi o "impulsor do balonmán coruñés", tal e como di nun comunicado a Xunta de Galicia, que acordou concederlle a Medalla ao Mérito Deportivo a título póstumo.
Faleceu nun accidente de tráfico na A-6, á altura de Baralla. Desde ese intre sucedéronse as mensaxes de apoio de todo o balonmán e o deporte galego cara á súa familia e o seu club, do que era moito máis ca un simple adestrador, logo de estar máis de vinte temporadas dirixindo o OAR.