Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel ataca obxectivos de Hamás en Gaza tras o disparo de dous proxectís

Israel ataca obxectivos de Hamás en Gaza tras o disparo de dous proxectís

Fontes palestinas aseguran que o lanzamento se produciu por un erro técnico

G24.gal 02/01/2022 08:44

Israel bombardeou esta madrugada obxectivos do movemento islamita Hamás na Franxa de Gaza, en resposta ao disparo este sábado de dous proxectís que caeron no mar fronte ás costas da área metropolitana de Tel Aviv. O ataque de represalia non provocou feridos pero si importantes danos de infraestrutura.

"Avións de combate do Exército, helicópteros e tanques atacaron lugares de fabricación de foguetes e postos militares pertencentes ao grupo terrorista Hamás", apuntou o Exército israelí nun comunicado.

Tras o lanzamento dos foguetes fronte ás costas de Tel Avivi (os primeiros de longa distancia disparados desde a escalada bélica de maio), fontes palestinas advertiron axiña de que se tratara dun erro técnico causado polas condicións atmosféricas.

O incidente desta fin de semana é o segundo dende o mércores, cando tanques do Exército de Israel atacaron a infraestrutura militar de Hamás en represalia a un tiroteo, ao parecer tamén accidental, que feriu un israelí que traballaba xunto ao valo fronteirizo.

A xornada deste sábado foi ademais especialmente delicada pola deterioración de saúde dun preso palestino, en folga de fame desde hai 139 días pola súa detención administrativa. As milicias ameazaran con atacar Israel se non accedía á súa inmediata liberación.

"Achégase o momento da explosión e revogaremos a tregua (dende o mes de maio) se os mediadores non interveñen urxentemente para liberar o prisioneiro Hisham Abu Hawash", advertiu o portavoz da Xihad Islámica, Daoud Shehab.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar