Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel ameaza con axuizar os activistas da Frotiña da Liberdade que non acepten ser deportados

Israel ameaza con axuizar os activistas da Frotiña da Liberdade que non acepten ser deportados

Catro activistas, entre eles Greta Thunberg e o español Sergio Toribio, aceptan regresar; os outros oito seguen detidos

"Aqueles que se neguen a asinar os documentos de deportación e deixar Israel serán levados fronte á autoridade xudicial", anunciou Israel

O Madleen chegou a pasada noite ao porto de Ashdod (REUTERS / Amir Cohen) O Madleen chegou a pasada noite ao porto de Ashdod (REUTERS / Amir Cohen)
G24.gal 10/06/2025 08:15

A activista sueca Greta Thunberg saíu este martes de Israel tras aceptar ser deportada despois de que as autoridades nacionais interceptasen o barco Madleen da Flotilla da Liberdade, no que viaxaba rumbo a Gaza, informou o Ministerio de Exteriores israelí.

"Greta Thunberg acaba de despegar de Israel nun voo a Suecia (vía Francia)", anunciou Exteriores nun comunicado na mañá do martes.

Exteriores difundiu dúas fotografías na rede social X da activista a bordo dun avión no aeroporto internacional israelí de Ben Gurion.

Thunberg é un dos catro activistas (dun total de 12) que aceptaron ser deportados por Israel, xunto ao español Sergio Toribio. Outros oito negáronse a asinar os papeis para ser expulsados por Israel e pasarán esta mañá polo Tribunal de Revisión de Detencións por Inmigración para que decida sobre a súa saída do país.

Os catro activistas que aceptaron volver aos seus países xa chegaron aos seus destinos ou están de camiño a eles, anunciou a organización de asistencia legal palestina en Israel Adalah, cuxos avogados forman parte do equipo legal da Flotilla.

"Os oito restantes seguen detidos e impugnarán a súa deportación ante un tribunal israelí. Espérase que estes detidos sexan levados ante o Tribunal de Revisión de Detencións por Inmigración esta mañá", recolleu un comunicado de Adalah.

A organización asegurou que os seus avogados diríxense á prisión de Givon, en Ramla (centro de Israel), para representalos nas audiencias.

As ameazas de Israel

O Ministerio de Exteriores de Israel confirmara na madrugada deste martes que os activistas que ían a bordo do Madleen, o barco da Frotiña da Liberdade interceptado por Israel, se atopan no aeroporto Ben Gurion de Tel Aviv. Entre eles estaría o español Sergio Toribio.

"Os pasaxeiros do iate selfie chegaron ao aeroporto Ben Gurion para deixar Israel e volver aos seus países de orixe", informou o Ministerio nunha mensaxe en X.

"Espérase que algúns dos pasaxeiros se vaian nas próximas horas. Aqueles que se neguen a asinar os documentos de deportación e deixar Israel serán levados fronte á autoridade xudicial, segundo dita a lei israelí, para autorizar as deportacións", agregou a publicación.

O Ministerio tamén asegurou que cónsules dos países dos activistas detidos, entre os cales se atopa a sueca Greta Thunberg, se reuniron con eles no aeroporto.

Minutos antes da publicación do Goberno israelí, a Coalición da Frotiña pola Liberdade confirmara nun comunicado de prensa difundido en X que os doce tripulantes do Madleen estaban no porto israelí de Asdod, a onde fora escoltado o barco, que tiña a intención de levar axuda humanitaria a Gaza por vía marítima.

A organización tamén informou de que os activistas poderían ser transferidos ao centro de detención Ramleh se non aceptaban deixar o país esta mesma noite.

En declaracións á cadea qatarí Al Jazeera, Suhad Bishara, a directora do centro legal palestino Adalah, que representa os tripulantes do Madleen, advertiu que algúns dos activistas poderían non acceder a voar sen unha consulta legal antes de asinar os documentos de deportación.

O veleiro Madleen da Frotiña da Liberdade foi interceptado na madrugada do luns por Israel cando se dispoñía a levar axuda humanitaria a Gaza, e chegou ao porto israelí de Asdod sobre as 21:00 hora local.

Adalah reiterou que os activistas a bordo do barco forman parte dunha misión civil para romper o bloqueo israelí sobre Gaza, e cualificou de ilegal que, segundo afirman, fosen interceptados en augas internacionais e detidos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade