Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumenta a sinistralidade nas estradas galegas este outono, con 11 mortos máis que hai un ano

Aumenta a sinistralidade nas estradas galegas este outono, con 11 mortos máis que hai un ano

66 persoas morreron en accidentes de tráfico, a metade delas na provincia da Coruña

Nove peóns, a maior parte persoas de idade avanzada, faleceron atropelados

Un 16 % non levaba o cinto de seguridade no momento do accidente

G24.gal 11/10/2022 14:00

A estas alturas do outono, o número de falecidos en accidentes de tráfico en Galicia, 66 xa supera en 11 persoas a cifra que se rexistraba fai exactamente un ano. O mesmo número, practicamente, de vidas perdidas só nas dúas últimas semanas. Saídas de vía e colisións, maioritariamente, por causas que non son novas, segundo explica o garda civil de Tráfico Héctor Teixeira. "As principais son as distraccións, temos que atender a atención permanente, e despois está o tema do alcol e drogas que, desgraciadamente, pese a todas as campañas que se fan e todos os controis que facemos a diario, seguimos atopando xente que dá positivo".

Unha parte importante non cumpría axeitadamente as medidas de seguridade necesarias, ata o punto que un 16 por cento dos falecidos ía sen o cinto de seguridade posto, segundo fontes da Dirección Xeral de Tráfico.

Pero ademais dos condutores e viaxeiros, chama a atención o alto número de peóns mortos en atropelos en Galicia, dous na última semana e nove no que vai de ano. A media de idade dos falecidos neste caso é de 78 anos. "Xente maior que cruza, que non ten esa axilidade, polo tanto as familias témoslles que introducir o uso de prendas reflectores para cando saen dar un paseo ou facer as súas cousas", di Teixeira.

A antigüidade dos vehículos tamén xoga en contra da seguridade. De feito, a idade media dos turismos implicados en sinistros mortais é de máis de 15 anos, e de case 13 no caso das furgonetas. A DXT desenvolve esta semana unha campaña de vixilancia e control do estado de elementos de seguridade como pneumáticos, luces e freos. A provincia da Coruña, que concentra a metade de todos os accidentes, será obxecto de especial atención. "Intensificaremos os controis, sobre todo nas horas máis conflitivas", isto é, a primeira e última do día e durante as fins de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade