Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia enfrontarase dende este martes a unha vaga de calor que podería ser histórica

Galicia enfrontarase dende este martes a unha vaga de calor que podería ser histórica

Unha masa de aire quente procedente do norte de África disparará os termómetros toda a semana 

Agárdanse temperaturas de máis de 40 graos en Pontevedra, Lugo e Ourense

G24.gal 11/07/2022 18:18 Última actualización 11/07/2022 21:59

 Galicia fará fronte dende este martes a unhas temperaturas nunca vistas na nosa comunidade. 

Tanto Meteogalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía avisan dunha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que fará subir os termómetros dende este martes e que nos vai afectar durante toda a semana. 

A comunidade rexistrará temperaturas superiores aos 40 graos en varios puntos das provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense. Segundo Meteogalicia, esta será unha das vagas de calor "máis longas" en Galicia desde que hai rexistros.

A Xunta de Galicia decretou xa o "máximo nivel de alerta" para toda a comunidade polo menos ata o venres.

Os centros sanitarios galegos están tamén sobre aviso polo previsible aumento de patoloxías asociadas á calor.

A Consellería de Sanidade aconsella á poboación beber máis auga do habitual lixeiramente fría ou zumes de froitas naturais sen esperar a ter sede e evitar as bebidas quentes, alcohólicas ou con moito azucre. Tamén comer froitas e verduras e evitar comidas copiosas.

Tamén aconsella vestir tecidos naturais, folgados e de cores claras; usar un calzado cómodo, fresco e que transpire; e utilizar chapeus, lentes de sol e crema protectora contra a insolación.

No interior das vivendas, suxire á poboación permanecer en espazos ventilados ou acondicionados, especialmente nas zonas máis frescas da vivenda, e baixar as persianas e xanelas durante o día e abrilas de noite para refrescar.

Ademais, aconsella utilizar ventiladores e mesmo, en momento de calor intensa, recorrer a unha ducha con auga morna e eludir os espazos sen aire acondicionado con aglomeracións de persoas.

En zonas exteriores, Sanidade propón reducir as actividades nas horas máis calorosas, diminuir o exercicio físico, e evitar deixar persoas ou animais no interior de vehículos aparcados á intemperie.

Tamén aconsella evitar a praia nas horas de máis calor e sobre todo, non quedar durmido ao sol.

Calor en toda a Península

 

Na maior parte do interior peninsular e de Mallorca superaranse os 35 graos, e os 40 no suroeste.

Debido a estas altas temperaturas, a Aemet situou en aviso vermello a Galicia, en aviso laranxa a Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, Extremadura, Comunidad de Madrid, Navarra e A Rioxa e en amarelo ás autonomías de Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana e País Vasco.

En Canarias, sur peninsular e Ceuta e Melilla é probable a presenza de po en suspensión.

O vento soprará de levante en Alborán e na contorna do Estreito, onde será forte con refachos moi fortes; do nordés no litoral de Galicia, de compoñente norte en Canarias, con algún intervalo forte, e frouxo variable no resto do país con predominio do compoñente leste.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar