Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia sae á rúa para condenar o asasinato machista da viguesa Clotilde

Galicia sae á rúa para condenar o asasinato machista da viguesa Clotilde

Os investigadores din que non consta ningunha denuncia previa por malos tratos, pero familiares e coñecidos da vítima din que o desenlace non pode sorprender a ninguén

G24.gal 13/05/2022 14:02 Última actualización 13/05/2022 14:41

Concentracións en toda Galicia en sinal de repulsa polo asasinato de Clotilde Rodríguez, de 82 anos, que faleceu acoitelada presuntamente a mans do seu home

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, di que o minuto de silencio non se fai só "como mostra de afecto á familia, senón tamén para condenar este novo episodio de violencia machista".

Conmoción en Redondela, de onde é orixinario o matrimonio, e tamén en Vigo, onde residiron moitos anos. Especialmente no mercado do Berbés, onde Clotilde rexentou durante moitos anos un posto de venda de peixe. Dende que se xubilara pasaba xunto ao seu home longas tempadas en Tenerife, onde tiñan un piso.

Foi alí onde o mércores pasado tivo lugar o crime. Foron os veciños os que deron a alerta á policía, que, ao entrar no domicilio, atopou o corpo sen vida de Clotilde e detivo o seu home, que se autolesionara co mesmo coitelo, aínda que só tiña feridas superficiais.

O suceso está en proceso de investigación, pero todo parece indicar que Ángel Martínez, de 82 anos, lle cravou repetidamente a Clotilde un coitelo de cociña ata quitarlle a vida e logo tentou autolesionarse coa mesma arma. Tras recibir atención sanitaria foi trasladado, detido, a dependencias policiais. 

O matrimonio, orixinario de Chapela, pasou a maior parte da súa vida no barrio vigués de Teis. Este asasinato eleva a 14 a cifra de mulleres mortas por actos de violencia machista no que vai de ano.  

Non había denuncias, pero a poucos sorprende o ocorrido

Non constaba ningunha denuncia previa por malos tratos, pero case ninguén se estraña nas inmediacións da súa casa de Teis do final que tivo Clotilde a mans do seu home na localidade tinerfeña de Arona.  

Moitos intentaron convencela de que deixase o seu home, tamén as súas fillas, que non se relacionaban con el.  

No barrio, en moitos negocios xa non o deixaban entrar pola súa prepotencia. Dela si que teñen un bo recordo.

A Asociación de Veciños de Teis convocou para mañá unha concentración de rexeitamento ás doce diante do mercado.

No mercado do Berbés onde traballou a vítima, a súa filla e tamén seu home ocasionalmente tamén farán unha homenaxe cando volva o corpo de Clotilde. 

A Xunta pon os recursos da Administración á disposición da familia

Tamén este venres houbo unha concentración ante a sede da Xunta de Galicia, en San Caetano, para repudiar este crime machista. O Goberno galego gardou un minuto de silencio e trasladoulle as súas condolencias e as de toda a sociedade galega á familia da muller asasinada en Tenerife.

A Xunta de Galicia puxo á disposición da familia todos os recursos dispoñibles para estes casos de violencia machista, en colaboración co Instituto da Muller de Canarias. A Conselleira de Emprego e Igualdade anima a denunciar estes casos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade