Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia e outras tres comunidades piden a retirada do borrador da estratexia do lobo

Galicia e outras tres comunidades piden a retirada do borrador da estratexia do lobo

Consideran que o texto adoece de falta de rigor técnico e científico e podería vulnerar o réxime competencial establecido

G24.gal 20/11/2021 13:16

Os gobernos de Asturias, Galicia, Castela e León e Cantabria remitíronlle un escrito ao presidente da Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no que solicitan a retirada do borrador da estratexia para a convivencia das actividades do medio rural co lobo e a súa conservación.

Os catro territorios consideran que o documento ten unha orientación errónea, adoece de falta de rigor técnico e científico e podería vulnerar o réxime competencial establecido, informa o Goberno asturiano.

Segundo estas comunidades, o texto elaborado polo ministerio, unha vez máis sen o consenso previo cos executivos autonómicos, realizouse sen a preceptiva avaliación das medidas recollidas na actual estratexia, sen contar con censos actualizados a nivel nacional e sen incorporar a documentación técnica facilitada desde as catro rexións que albergan máis do 95 por cento dos lobos de España.

Consideran que se vulneran outros aspectos fundamentais, coma que o propio título do borrador non se axusta aos obxectivos establecidos na Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade para as estratexias de especies ameazadas; ou que non consta a autoría do documento, polo que non se pode acreditar a súa solvencia técnica e científica.

"Estigmatiza o sector gandeiro"

As catro comunidades censuran tamén que o documento estigmatice o sector gandeiro con valoracións sen rigor que para nada contribúen a rebaixar as diferenzas e avanzar na coexistencia coa especie, e que contradí os datos técnicos e científicos solicitados nos plans de xestión destas rexións, nas que o lobo conta cun estado de conservación favorable.

Asturias, Galicia, Castela e León e Cantabria xa anunciaron en setembro a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a orde ministerial que determina a inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre). Do mesmo xeito, solicitaron o establecemento de medidas cautelares coa fin de suspender a eficacia da norma en tanto se resolve este procedemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade