Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia, Asturias e Castela e León cifran en 7.900 millóns os investimentos para o Corredor Atlántico

Galicia, Asturias e Castela e León cifran en 7.900 millóns os investimentos para o Corredor Atlántico

Os presidentes das tres comunidades asinaron en Santiago unha declaración en que instan o Goberno central a elaborar un plan director para esta infraestrutura con planificación e calendario

As patronais piden o corredor para seguir xerando riqueza no noroeste

O Goberno nomea por sorpresa un comisionado para o Corredor Atlántico

Barbón, Rueda e Mañueco en Santiago (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 27/01/2023 13:14 Última actualización 27/01/2023 15:05

Galicia, Asturias e Castela e León cifran en 7.900 millóns de euros os investimentos necesarios para impulsar o corredor atlántico de mercadorías e pídenlle ao Goberno central un calendario de obras e orzamento para impulsar esta obra.

Defenden que este corredor axudará o noroeste a ser máis competitivo ao triplicar o transporte de mercadorías, a reducir emisións de CO₂, a reducirlles custos ás empresas e a crear uns 6.200 empregos cada ano.

Os presidentes de Galicia, Alfonso Rueda (PP); de Asturias, Adrián Barbón (PSOE); e de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco (PP), asinaron unha declaración institucional con estas demandas nun encontro celebrado en Santiago e ao que asistiron un milleiro de persoas, entre empresarios e responsables de portos e plataformas loxísticas. Os tres pediron o mesmo trato para o noroeste que para o corredor do Mediterráneo.

"Isto hai que facelo dende a unidade. A unión é a forza. Se estamos unidos mellor nos irá para dicir que non queremos tratos de favor, queremos igualdade de condicións. Non nos resignamos a ser periferia. Queremos estar no centro do mundo, que non esa onde pensan algúns", dixo Rueda.

Os tres presidentes celebran que o Goberno anunciara coincidindo co cumio o nomeamento dun comisionado para o corredor atlántico, feito que consideran "o primeiro éxito" deste encontro. Agora reclaman un plan director para ter investimentos acordos aos que se fan no resto de España.

"Hai un desequilibrio na execución dos investimentos, por iso reclamamos o mesmo trato que ten o do Mediterráneo. Non mellor, o mesmo", explicou Mañueco.

Adrián Barbón afirmou que agora a desigualdade xa non é norte-sur, senón leste-oeste en España e que hai que erguer a voz por riba das siglas políticas. 

"Estarei sempre onde teña que estar, cando quen teña que estar e alzando a voz ante quen a teña que alzar cando se trate de defender o que considero xusto para a miña terra", dixo Barbón.

Na declaración institucional conxunta as tres comunidades expoñen a relevancia deste corredor para as tres rexións, marcaron obxectivos “concretos” para “seguir crecendo economicamente co gran volume exportador” dos territorios, así como para “promover a interoperabilidade e continuidade das redes de transportes”.

No texto, avanzan que de forma conxunta elaboraron unha estratexia coordinada identificando obxectivos concretos e as actuacións necesarias encamiñadas a mellorar a competitividade e sustentabilidade do transporte ferroviario.

Consideran que coa posta en marcha do corredor poderán cumprir retos como “triplicar a cota modal do ferrocarril de mercadorías en 2040”, “reducir a emisión á atmosfera de máis de 22 millóns de toneladas de C02”, “facer máis competitivo o transporte ferroviario cun aforro de custos superior aos 1.300 millóns de euros” e “mobilizar unha media de 6.600 empregos ao ano entre directos e indirectos durante as fases da obra”.

Para iso, os presidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do Principado de Asturias, Adrián Barbón, e da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, rubricaron catro puntos de acordo en que se comprometen a “compartir o traballo realizado co Goberno de España e cos organismos competentes na Unión Europea” a fin de avanzar nunha coordinación e planificación que permita alcanzar os obxectivos expostos.

Da mesma maneira, solicitan que, tendo como base o documento remitido, se elabore por parte do Goberno de España un plan director do Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias que planifique “de forma detallada e calendarizada os investimentos e actuacións” necesarias na infraestrutura ferroviaria.

No terceiro punto, agradecen o nomeamento do comisionado do desenvolvemento do corredor atlántico que xusto foi anunciado a través dun comunicado remitido aos medios xusto coincidindo coa inauguración do cumio, e que consideran o “primeiro resultado da efectividade dunha acción coordinada entre as tres comunidades".

Finalmente, comprométense a seguir traballando conxuntamente para o desenvolvemento destes obxectivos tendo como principal propósito o interese xeral do noroeste peninsular “a través da colaboración leal”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade