Publicador de contidos

Publicador de contidos

Frustran un alixo de 3.500 quilos de haxix fronte ás costas de Huelva

Frustran un alixo de 3.500 quilos de haxix fronte ás costas de Huelva

Os narcotraficantes cando detectaron a presenza da Garda Civil abortaron a intención de desembarcar a droga

Nunha persecución a gran velocidade os axentes lograron alcanzar os narcos

 

G24.gal 23/10/2022 11:42

A Garda Civil incautouse fronte ás costas de Huelva duns 3.500 quilos de haxix tras seguir a gran velocidade unha embarcación semirríxida das usadas habitualmente para o contrabando de drogas por vía marítima.

O operativo iniciouse cando a Central Operativa de Coordinación 062 da Garda Civil detectou fronte á praia de Nova Sombría, en Lepe (Huelva), a presenza da embarcación con varios ocupantes que transportaba un importante número de fardos, ao parecer coa intención de alixar a droga. 

Estableceuse un dispositivo para a súa interceptación no que participaron axentes da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia, do Servizo Marítimo Provincial e un helicóptero do Servizo Aéreo. Os narcotraficantes, ao detectaren a presenza da Garda Civil, desistiron da súa intención e puxeron novamente rumbo sur para evadir os axentes, aínda que non conseguiron o seu obxectivo, xa que foron localizados a unhas 20 millas da costa polo helicóptero e a embarcación do Servizo Marítimo. Nese momento iniciouse o seguimento da embarcación, que se prolongou durante uns 40 minutos, detalla un comunicado da Garda Civil. 

Durante este seguimento e co obxectivo de gañar velocidade para evitaren ser alcanzados, os catro ocupantes da lancha semirríxida guindaron á auga os fardos que transportaban ata perder a mercadoría. O piloto da narcolancha realizaba ao tempo manobras temerarias co obxectivo de evitar ser alcanzado, o que puxo en grave risco a integridade física dos seus ocupantes e dos axentes do Servizo Marítimo que os seguían.

A droga aprehendida estaba distribuída en cen fardos de entre 30 e 35 quilos cada un, cun peso total duns 3.500 quilos, que recolleron os axentes para a súa posterior destrución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade