Publicador de contidos

Publicador de contidos

Francia sancionará a Italia e pedirá represalias da UE pola súa política migratoria

Francia sancionará a Italia e pedirá represalias da UE pola súa política migratoria

"Haberá consecuencias extremadamente fortes na relación bilateral e na relación de Italia coa Unión Europea", advertiu o ministro do Interior francés

Francia acollerá o Ocean Viking tras a negatica do Goberno de Meloni

Italia di non comprender esta decisión de Francia

G24.gal 10/11/2022 14:07 Última actualización 10/11/2022 19:02

Francia decidiu acoller "con carácter excepcional" o barco humanitario Ocean Viking con 234 migrantes rescatados no Mediterráneo pero tomará medidas de sanción contra Roma e quere que a UE tamén o faga.

"O Goberno italiano é o que sae perdendo", afirmou en conferencia de prensa o ministro francés de Interior, Gérald Darmanin, quen avisou de que "haberá consecuencias extremadamente fortes na relación bilateral" e na relación de Italia coa Unión Europea.

De entrada, Francia vai reforzar os controis fronteirizos con Italia e "con efecto inmediato" suspende con Italia o acordo de relocalizacións que se estableceu a nivel europeo para a repartición dos migrantes rescatados por barcos humanitarios.

Iso tradúcese en que queda sen efecto o envío desde Italia a Francia de 3.500 deses migrantes previsto de aquí ao próximo verán, precisou Darmanin, que en nome de Francia pediu que fagan o mesmo os outros asinantes do acordo, e en primeiro lugar, Alemaña.

Ademais, Francia vai organizar "nos próximos días" unha reunión coa Comisión Europea e con Alemaña para "sacar as consecuencias da actitude italiana" porque, segundo insistiu o portavoz do Goberno francés, Olivier Véran, "Francia quere que a resposta sexa europea".

Italia non comprende a decisión francesa

En Roma, o ministro italiano do Interior, Matteo Piantedosi, considerou "incomprensible" a reacción de Francia por 234 persoas, tendo en conta que segundo el Italia "acolleu a 90.000 só este ano".

"Alardéase da solidariedade europea, pero ata o de agora Italia enfrontouse soa a este problema e o noso sistema de acollida está nunha situación desesperada", agregou Piantedosi nun comunicado.

Engadiu que "Italia non poderá dar o seu apoio ás solucións dun Pacto europeo que non estea adecuadamente equilibrado entre as medidas de solidariedade e as de responsabilidade".

Os migrantes iran a Tolón e recibirán asistencia médica

O Ocean Viking, que se atopaba esta mañá fronte ás costas de Córsega en espera de autorización de Francia ou de Italia para atracar nun porto, vai dirixirse finalmente ao aeroporto militar de Tolón, onde serán desembarcados mañá os migrantes que van a bordo (esta mañá xa foron evacuados catro en helicóptero por razóns sanitarias).

Alí se lles prestará asistencia médica e onde se farán os controis para determinar quen son susceptibles de recibir o estatuto de refuxiados. O resto dos migrantes deste buque da ONG francesa SOS Mediterráneo serán obxecto de procedementos de expulsión con carácter inmediato, segundo o ministro francés de Interior.

Os que poidan quedar repartiranse seguindo as mesmas regras do acordo europeo pero sen Italia: un terzo quedarán en Francia, un terzo irán a Alemaña e o resto a outros países da UE que o acepten, e dos que París espera resposta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade