Publicador de contidos

Publicador de contidos

Envorca en Melide un camión de transporte de animais vivos

Envorca en Melide un camión de transporte de animais vivos

O condutor do vehículo, un varón de 45 anos, foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago

Boa parte dos animais foron sacrificados polas feridas que tiñan

G24.gal 04/01/2022 10:28

O condutor dun camión que transportaba gando porcino quedou ferido ao envorcar o seu vehículo. A estrada que vai de Santiago a Lugo pasou máis de doce horas cortada total ou parcialmente por este accidente.

O camión transportaba 190 porcos, dos que se salvaron uns 40. Moitos deles tiveron que ser sacrificados, xa que as feridas que tiñan facían imposible a súa supervivencia. O camión acaba de recoller os porcos nunha explotación de Melide e ía cara a un matadoiro da Bañeza, pero nunha curva a altura do río Fornelos o tráiler envorcou.

O condutor quedou ferido e saíu polo seu propio pé, pero unha ambulancia levouno ao hospital de Santiago cunha brecha na cabeza. A hipótese que se baralla é que o movemento dos porcos no remolque xunto coa inercia da curva puideron provocar o accidente.

"Non sabe nada, levantouse conmocionado e á súa familia díxolle que non lembra como foi o accidente, que cando se deu de conta o camión envorcou e despois sabe que o levaron na ambulancia para o hospital, non lembra", aseguraba Alvaro García, empregado da empresa dona dos animais.

"O condutor xa fora trasladado cun forte golpe na cabeza e procedemos, xunto cos donos da explotación gandeira e os operarios de mantemento de estradas, á retirada dos porcos que estaban vivos no camión para levalos a outro camión que xa estaba alí", afirma Pedro Sánchez, bombeiro do Parque de Bombeiros de Arzúa.

Os bombeiros de Arzúa traballaron durante case once horas. Primeiro para axudar a recoller os porque que quedaron vivos, que foron transportados a un matadoiro da Coruña para o seu sacrificio. Xa que polas mancaduras sufridas non servían para o consumo. Despois tiveron que sacar, un a un, os 150 cochos mortos.

"O camión estaba envorcado enriba dun lateral, as gaiolas interiores estaban desfeitas e houbo que ir unha a unha excarcerando para poder sacar os animais e deixalos na beiravía para que os recolleran pola mañá", explicaba Sánchez.

Houbo retencións ata a media mañá, que foi cando retiraron os porcos mortos que quedaron na estrada. O tráfico desviouse por un tramo da estrada vella, polo que o tráfico só estivo cortado totalmente en momentos puntuais.

O suceso ocorría pasadas as 22:00 horas no punto quilométrico 46 da N-547, en Furelos. Ao lugar do accidente desprazouse unha ambulancia do Hospital Clínico de Santiago para trasladar o varón de 45 anos.

Segundo afirman as autoridades, as condicións da estrada eran perigosas, posto que nela había tanto animais vivos coma mortos.  As autoridades procederon ao corte da circulación da vía para realizar os servizos de mantemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade