Publicador de contidos

Publicador de contidos

ENCE: miles de empregos pendentes dunha resolución xudicial, por Maite Cancelo

OPINIÓN

ENCE: miles de empregos pendentes dunha resolución xudicial, por Maite Cancelo

G24.gal 07/02/2023 08:16

Pendentes da resolución do Tribunal Supremo sobre a legalidade da prórroga do Goberno de Mariano Rajoy, miles de familias galegas (unhas 5.000, entre empregos directos e indirectos) veríanse afectadas ante un eventual peche da factoría en Pontevedra.

Con relación ao emprego directo, serían as 400 persoas que traballan na empresa (hai que ter en conta que en Lourizán, ademais da fábrica está a localización das súas oficinas organizativas principais). Ademais, temos outros sectores que se verían moi prexudicados, e que un informe de KPMG realizado para ENCE no ano 2013 estimou que se xera preto do 28 % do PIB de Pontevedra (e o 0,82 % do galego) e 5.100 empregos de forma indirecta e inducida:

  • No sector forestal e madeireiro, que fornece a materia prima para a fabricación de celulosa., a estimación é de perda de 2.100 empregos, en comarcas da provincia, pero tamén en Ferrolterra e na Mariña lucense. A perda deste mercado pode provocar un maior despoboamento na Galicia rural, ademais de que as masas forestais xestionadas teñen menos probabilidades de sufrir un incendio.

  • Transportistas: os camioneiros de distintas provincias que traen a madeira a Lourizán e que verían en perigo os seus postos de traballo, o cal afectaría tamén a hostalería pontevedresa.

  • Porto de Marín: ao redor do 25 % do seu movemento está xerado por ENCE, que exporta o 96 % da súa produción de celulosa, principalmente cara a países do Norte de Europa.

  • E, tamén, afectaría as empresas auxiliares que se encargan da actualización de equipos e máquinas.

Así, son uns 3.000 empregos que se xeran na área loxística e de empresas auxiliares que prestan os seus servizos á pasteira, dos cales, estímase que máis de 800 se atopan nos municipios de Pontevedra, Marín e Poio.

O problema adicional é que cos criterios económicos e técnicos que se establecen para a instalación da factoría, esta non sería viable noutra parcela industrial en Galicia e, ademais, non se dispón do estudo das posibles alternativas no país ao que se comprometeu o Secretario de Estado do Ministerio de Transición Ecolóxica, polo que, no caso de que se rexeitase a reclamación da empresa, esta relocalizaríase en Asturias.

O curioso é que ENCE dispón dunha Autorización Ambiental Integrada que garante o cumprimento dos criterios técnicos de emisións e de seguridade ambiental, a pesar da cal, o goberno de Sánchez considerou que a prórroga de Rajoy non é legal e non a defendeu nos procesos xudiciais en que está inmersa. Mesmo chegou a manifestar que non recorrería contra a sentenza do Supremo se esta non fose favorable á empresa.

Polo tanto, estamos ante un posible problema político: hai que ter en conta que o recurso interposto ante a Audiencia Provincial sobre a prórroga da concesión aprobada polo goberno de Mariano Rajoy (que garantía a continuación da fábrica ata o ano 2073), estivo apoiado, entre outros, polo propio Concello de Pontevedra, no que goberna o BNG apoiado polo Partido Socialista, polo que esta podería ser unha explicación da inacción do goberno do Estado.

E, con relación ao impacto ambiental, hai que lembrar os investimentos realizados e comprometidos para minimizalo por parte de ENCE, a autorización da que dispón e que mesmo as Confrarías de pescadores emitiron comunicados no sentido de que as súas actividades son compatibles coas da factoría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade