Publicador de contidos

Empate a todo entre Lugo e Spórting

Empate a todo entre Lugo e Spórting

Dos 5000 espectadores do Anxo Carro algo máis de 2000 eran do Spórting de Xixón

Chris Ramos adiantou aos albivermellos e Bogdan empatou o partido

Rubén Albés: "O árbitro condicionou o partido"

Chris Ramos adiantou ao Lugo logo dunha boa picadiña ao galego Diego Mariño
G24.gal 30/10/2021 20:16

O do Anxo Carro esta xornada foi unha festa na bancada -5000 afeccionados- e unha sucesión de alternativas no campo. Porque o Spórting arrancou mellor, ante un Lugo que repregou e buscou o contragolpe. Na primeira media hora o choque foi asturiano con ocasións tan claras como esa de Kravets. O porteiro do Lugo estivo colosal. 

Mais o último cuarto de hora antes do intermedio foi local. Que tivo as súas opcións sobre todo nas botas de Cuéllar, boa man do galego Mariño, e nos balóns parados. A salientar este córner que acaba con cabezada de Chris Ramos e fallo clamoroso de Alende. Incredulidade na bancada polo erro e todos ao descanso con empate.

Á volta o Lugo subiu o nivel, máis agresivo, máis intenso e comezou a gañar os duelos. Pasou a dominar con claridade e nun envío de Xavi Torres, marcou Chris Ramos. Dous detalles importantes na acción, como lle gaña as costas Chris a Bogdan e as dúbidas de Mariño que facilitan o gol. Era o minuto 53. Co tanto espertou o Spórting que encontrou a súa neste lanzamento de Djuka. Paradón outra vez de Fran. 

 

Pero nesta tarde de alternativas, rápido respondeu o Lugo cunha falta de Hugo Rama que bicou o longueiro. E despois do bico chegou o pao. O pao de ver como un desaxuste na banda esquerda deixaba a Bogdan en posición franca. Fran Villalba viuno e Bogdan, o lateral, fulminou. 1-1 no Anxo Carro. Marcador que non satisface pero que, por como foi, resulta o máis xusto.

16 puntos en 13 xornadas, o Lugo avanza para evitar o descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos