Familiares do implicado na liorta de Ferrol xustifican o da motoserra porque "estaba quente"
Aseguran que o outro implicado pasara a noite ameazándoo
A muller do home da motoserra, permanece ingresada no hospital, supostamente polos golpes da Policía Local
Seica viña quente da noite e lanzouse, motoserra en man, contra un veciño que foi amigo e tamén é curmán. Son netos de dous irmáns. Todo empezou de madrugada, por vinte euros.
"Iván foi á casa de meu irmán pedirlle vinte euros. Meu irmán non llos deu e el colleu a tapa dun sumidoiro e empezou a ameazalo cos nenos", explica Johana Bouzas, a irmá do home da motoserra.
"Quéntanche toda a noite, mándanche audios, dicindo que te van queimar cos fillos dentro da casa e tes que facer algo", xustifica outro familiar.
"Meu irmán pola mañá foi á súa casa cunha motoserra e Iván baixou cun raño e dous coitelos", completa Johana.
Antonio e Iván evitaron chegar ás mans pero era só o comezo da historia. Quedaba a segunda parte, menos espectacular pero máis violenta, se cabe.
As mulleres da familia de Antonio botáronse contra o outro home e a policía tivo que intervir.
"Déronnos unha malleira á miña cuñada e mais a min. De feito, miña cuñada está ingresada na residencia con catro grampas na cabeza, operada da man e todo corpo cheo de golpes, que non se pode nin ver", lamenta a moza.
A muller de Antonio acabou no hospital, operada de urxencia. Confírmano as imaxes. Tamén a irmá ten golpes por todo o corpo.
"A Policía Local asañouse con dúas rapazas de 22 anos, dúas nenas. Rómpelle a cabeza coas porras de ferro, hai vídeos que impresionan. Fan un maltrato á muller que non deberon facer. Se as reducen e as deteñen, vale, pero o que fixeron, non se debe facer", denuncia o outro familiar.
Considéranse vítimas dun abuso da Policía Local que prevén denunciar. De momento, os denunciados son os implicados. Johana, por ameazas cunha navalla. Antonio, cunha motoserra e tamén Iván, un vello coñecido da policía, que acaba de saír do cárcere despois de máis dunha década á sombra.
"Acaba de saír de prisión de pasar catorce anos. Entráralle a roubar na casa dos avós de Antonio e leváralle todo o ouro. Fai mil e unhas de noite. Quéimache o coche, ráiao, como apareceron coches hai un mes. A Policía sábeo pero pasan de todo", engade o mesmo home.
Onte pasouse medo. Hoxe coméntase con algo máis de sorna polo esaxerado da historia.