Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre o exprimeiro ministro xaponés Abe tras ser tiroteado nun acto electoral

Morre o exprimeiro ministro xaponés Abe tras ser tiroteado nun acto electoral

Un exmilitar foi arrestado mentres sostiña unha arma coa que disparou dúas veces polas costas ao exmandatario nipón

Shinzo Abe falaba nun acto electoral cando recibiu os disparos
G24.gal 08/07/2022 07:23 Última actualización 08/07/2022 11:38

O exprimeiro ministro xaponés Shinzo Abe faleceu este venres tras ser alcanzado por disparos nun atentado perpetrado durante un acto electoral en Nara (no oeste do país), segundo informou hoxe o Partido Liberal Democrático (PLD), ao que pertencía.

Abe, de 67 anos, foi vítima de dous disparos mentres ofrecía un discurso hoxe na rúa antes dos comicios parlamentarios que se celebran este domingo no Xapón, e o seu partido, ao que tamén pertence o actual primeiro ministro Fumio Kishida, informou o seu falecemento, tras anunciaren previamente os servizos sanitarios que se atopaba en parada cardiorrespiratoria. 

Os servizos médicos do hospital universitario de Nara confirmaron que Abe faleceu ás 17:03 hora local como consecuencia das feridas sufridas en varias arterias e danos no corazón, e explicaron que se atopaba xa sen signos vitais ao chegar ás instalacións médicas.

Durante as aproximadamente catro horas en que estivo hospitalizado nun centro ao que foi trasladado en helicóptero, os médicos trataron de deter as súas hemorraxias no pescozo e no peito e realizaron transfusións de sangue, sen lograr salvar a súa vida.

Os mitins electorais adoitan celebrarse en Xapón en plena rúa e con escasas medidas de seguridade, debido ao baixo índice de criminalidade e de ataques con armas de fogo propios do país asiático. 

Kishida condenou o ataque contra o exmandatario, cuxo motivo aínda se descoñece. "Aínda non se sabe o que hai detrás deste incidente, pero este é un acto de barbarie nun momento de eleccións, que son a base da democracia, polo que nunca xamais o poderemos perdoar e condenámolo coa maior forza posible", dixo o primeiro ministro visiblemente emocionado.

Yamagami Tetsuya, arrestado tras disparar a Abe

O detido polo atentado é un exmembro das tropas nipoas

O detido polo atentado, Yamagami Tetsuya, é un home desempregado de 41 anos e exmembro das Forzas Marítimas de Autodefensa (Exército nipón), que se atopaba "insatisfeito" co exmandatario e "dirixiuse a matalo", segundo dixeron fontes policiais aos medios locais.

Tetsuya foi arrestado mentres sostiña unha arma coa que dispararía en dúas ocasións ao exmandatario nipón, de fabricación caseira similar a unha escopeta.

O suposto agresor traballou na rama naval das Forzas de Autodefensa, encargadas da defensa do arquipélago, durante tres anos ata 2005.

Conmoción dentro e fóra do Xapón

O asasinato sacudiu un país pouco afeito aos crimes violentos e menos aínda aos atentados contra políticos. Multiplicáronse as reaccións de condena, que tamén chegaron de mandatarios de todo o mundo.

O actual primeiro ministro xaponés Fumio Kishida cualificou o ataque de "acto de barbarie" nun momento en que o país afronta unhas eleccións, e afirmou visiblemente emocionado que "nunca se poderá perdoar", nunha primeira comparecencia ante os medios, cando Abe estaba aínda hospitalizado.

"Fun ministro dentro do seu Gabinete e ao mesmo tempo era bo amigo meu, con quen compartín moito tempo. El amaba este país e sempre tiña unha visión para o seu futuro", dixo Kishida tras confirmarse o falecemento de quen fora o seu mentor político.

Os presidentes das institucións da Unión Europea expresaron así mesmo a súa "conmoción" e "tristeza" polo "brutal" atentado, mentres que o secretario xeral da OTAN Jens Stoltenberg asegurou sentirse "profundamente entristecido" polo "atroz asasinato".

Os Estados Unidos, principal socio do Xapón, valorou a Abe como un "destacado líder e un inquebrantable aliado", a través do seu embaixador na capital nipoa, Rahm Emanuel, mentres que outros países cos que Tokyo non mantén as súas mellores relacións, como A China, Rusia e Corea do Sur, tamén enviaron as súas condolencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade