Publicador de contidos

Publicador de contidos

Declaran testemuñas que presenciaron a agresión a Samuel Luiz

Declaran testemuñas que presenciaron a agresión a Samuel Luiz

A mellora na definición das imaxes permitiulle á policía deducir que algunhas faltaran á verdade

G24.gal 09/11/2021 09:36

A filmación da cámara de tráfico situada a carón do paseo marítimo da Coruña perfílase providencial para botar luz sobre a brutal malleira que acabou coa vida de Samuel Luiz o pasado 3 de xullo. Facilitou o camiño ás primeiras detencións.

A mellora técnica da calidade das imaxes levou ao arresto a finais de setembro dunha sétima persoa presuntamente implicada nos feitos: un mozo de 25 anos que a semana pasada quedou en liberdade con cargos.

Pero é que, ademais, permitiu confirmar a presenza no lugar no momento da malleira doutras sete persoas que hoxe foron citadas para declarar ante a xuíza instrutora. Sete novas testemuñas solicitadas pola Fiscalía.

A mellora na definición das imaxes permitiulle á policía deducir que estas persoas faltaran á verdade cando prestaran declaración na comisaría, xa que negaran estar alí no momento da agresión, algo que desmente a gravación.

Compareceron ante a xuíza cinco persoas., dúas delas son testemuñas directas dos feitos. Outras, estiveron en contacto con algún dos investigados no día do crime. En total declararon durante máis de sete horas. Outras cinco persoas terán que declarar en decembro. Entre elas tamén hai testemuñas directas do crime.

Hai sete persoas investigadas pola morte de Samuel. Tres mozos en prisión, dous menores de idade ingresados en centros especializados e outros dous en liberdade vixiada.

Cronoloxía dos feitos

O venres dous de xullo Samuel e un grupo de amigos acoden a un pub da praia de Riazor. Volvera abrir o ocio nocturno tras dez meses de peche pola covid–19. Ás tres da madrugada do sábado, Samuel sae a fumar cunha amiga e fan unha videochamada a outra moza.

Segundo relatan as testemuñas, un mozo cre que o gravan a el e espétalle: "Ou paras de gravar ou te mato, maricón", e deseguido golpea a Samuel. Pouco despois, o agresor volve cunha ducia de persoas e mallan nel ata deixalo inconsciente. O mozo morre na ambulancia camiño do hospital.

O crime prodúcese durante a semana do Orgullo LGTBI e provoca concentracións de repulsa en toda Galicia e noutras cidades españolas. O xulgado de garda toma declaración a 13 persoas. A investigación céntrase en tres parellas e unha sétima persoa.

O seis de xullo deteñen dous homes e unha muller, e dous días despois un cuarto sospeitoso do homicidio. Este ten no seu poder o teléfono de Samuel. Mentres os catro declaran no Xulgado de Instrución número 8, a policía detén dous menores amigos dos outros detidos.

Un deles conta con antecedentes policiais. A xuíza manda a prisión tres dos seis detidos. A única muller queda en liberdade con cargos e os dous últimos detidos ingresan en centros de menores.

Tres meses despois da malleira que acabou coa vida e Samuel, deteñen un sétimo implicado, que xa declarara como testemuña. A Fiscalía e as acusacións piden que se impute por asasinato. 

Tras un mes en prisión provisional, queda en liberdade a semana pasada. O xefe da Policía Xudicial da Policía Nacional da Coruña dá por pechada a investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade