Debate de autónomos na RG sobre a reforma da Seguridade Social: UPTA, a favor. ATA, en contra
Recolle que haberá 13 treitos para que os autónomos coticen segundo o que gañan
As asociacións de autónomos discuten sobre a proposta que lles presentou o Goberno para reformar o sistema de cotizacións á Seguridade Social. Recolle que haberá 13 treitos para que os autónomos coticen segundo o que gañan, de forma que os que teñen ingresos baixos pagarán menos ca agora e os que teñen ingresos máis altos terán que pagar máis.
A asociación ATA, vinculada á gran patronal CEOE, está en contra do proxecto. Na RG falou o seu presidente Lorenzo Amor.
"A vaca non dá máis leite. Os autónomos están pagando a gasolina un 50 por cento máis cara que o ano pasado, estamos pagando a luz máis cara, as materias primas máis caras... e se a isto se lle engaden os custos de produción e se engaden os incrementos que xa houbo este ano de cotizacións á Seguridade Social e se propoñen subir xa o ano que vén un 33 por cento, o problema é que, como lle digo, a vaca non dá máis leite. Hai moitos autónomos para os que isto non é asumible".
A asociación UPTA, vinculada á UGT, está a favor do sistema que propón o Goberno. O presidente Eduardo Abad di que supón unha "xustiza contributiva" e unha "redistribución do peso da solidariedade".
"O que é verdadeiramente alarmante é que unha persoa que gaña 3.500 euros está pagando nestes momentos 294 euros, igual que aquel que ten unhas rendas de traballo de apenas 900. Desde logo, algo falla no sistema. E este é un sistema que temos que mudar para que sexa un sistema sostible economicamente e para que teña xustiza contributiva".