Publicador de contidos

Publicador de contidos

A industria cultural galega presenta as súas novidades en Pontevedra

A industria cultural galega presenta as súas novidades en Pontevedra

Culturgal recupera o espazo feiral despois dun 2020 practicamente virtual 

directo Sigue en directo o que está a acontecer no Culturgal
G24.gal 27/11/2021 21:40

Culturgal volve baixo o lema "A cultura que toca". Despois da edición de 2020 practicamente virtual e marcada pola pandemia, esta de 2021 recupera a parte feiral. Nos seus postos conviven as empresas culturais, os creadores, os artistas e sobre todo o público. 

"A cultura demostrou o seu papel durante a pandemia. Agora o que toca é a cultura, esa cultura de proximidade. Poder reencontrarnos e ter de novo ese contacto para nós é moi importante. Porque o corazón do Culturgal é a presencialidade, a feira presencial", conta Xosé Manuel Aldea, o director de Culturgal.

Cóntanos Fran Alonso, o director da editorial Xerais, o bo que é recuperar a feira da cultura, Culturgal, para a industria cultural galega. As editoriais fan visible en Culturgal a produción do ano e avanzan a vangarda, o que leremos.  

"As vendas son un resultado da visibilización. Se un libro é invisible as vendas non se producen. Este, Culturgal é un escaparate fundamental para que o libro se vexa. Aquí ven a xente buscando lecturas, buscando agasallos, incluso vendo o que saíu ao longo do ano. E iso é moi importante para nós", explica Fran Alonso, o director de Xerais.

A editorial Galaxia volve feliz, despois dun 2020 sen feira, segundo nos conta o seu director, ao escaparate galego dos libros en galego cos lectores a carón. 

"Era necesario este Culturgal, era necesario xuntarnos tantas persoas aquí, debidamente protexidos, e moi centrados no que é o noso desexo de dar cultura, de expoñer cultura, e de que a cultura saia ao encontro da xente", engade Francisco Castro, director xeral de Galaxia. 

Ademais dos postos editoriais, Culturgal ten espazos para o cine, para os foros, para a cativada e para a música no auditorio. A feira ensina o músculo, aínda tocada pola covid, da industria cultural galega. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar