Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ignacio Fuente Cobo, coronel do Exército: "A OTAN está máis forte ca nunca"

Ignacio Fuente Cobo, coronel do Exército: "A OTAN está máis forte ca nunca"

Sobre a entrada de Finlandia e Suecia na OTAN manifesta: "Eles gañan e a Alianza tamén"

Rusia converteuse nun actor impredicible: "O que fai a OTAN co incremento de tropas é anticiparse para que non nos volva sorprender"

G24.gal 29/06/2022 13:50

Este mércores, a Radio Galega analizou o alcance do Cumio da OTAN que hoxe arranca en Madrid, coa colaboración do coronel Ignacio Fuente Cobo, analista do Instituto de Estudos Estratéxicos. 

Entre os primeiros acordos no marco deste cumio, a retirada do veto de Turquía ás candidaturas de Finlandia e Suecia para ingresar na OTAN. Adhesión que racha coa neutralidade histórica destes dous países, apunta o coronel, da que, non obstante, "todos sairán beneficiados".

Nova estratexia

Con Rusia como principal ameaza no mundo actual, o novo concepto estratéxico produto do cumio de Madrid, será moi diferente ó trazado en Lisboa no ano 2010, onde o propio Putin estaba presente, apunta Cobo. 

Neste contexto, a nova estratexia da Alianza vaise traducir en reforzar defensas para anticiparse ós movementos de Rusia, así como ofrecer unha resposta moito máis sinérxica en todos os dominios da terra e en todas as formas de guerra, explica. 

Refírese este analista á multiplicación de tropas no seo da OTAN cun carácter preventivo. 

"Rusia converteuse nun actor impredicible que sorprende coas súas decisións. O que fai a OTAN é anticiparse para que non nos volva sorprender, como xa fixo en 2008 coa invasión de Xeorxia, en 2014 coa toma de Crimea e o Donbás, e agora en 2022", aclara.

Orzamento a Defensa

Sobre se sairá deste cumio un compromiso firme de elevar ao 2 por cento do PIB o presuposto destinado a Defensa nos países que conforman a OTAN, matiza o coronel que este é un compromiso que vén de lonxe, que moitos dos países do leste e do norte de Europa xa están cumprindo, incluso superando. Agora é o tempo de que os máis demorados tomen este compromiso en serio.

"Creo que agora si se vai tomar en serio este compromiso e probablemente nos próximos anos vexamos un incremento dos presupostos destinados a defensa, principalmente nos países máis demorados".

OTAN máis forte

O analista do Instituto de Estudos Estratéxicos considera que lonxe de esmorecer, a Guerra de Ucraína supuxo un reforzo para a Alianza Atlántica. 

"Todos os países se decataron das garantías de seguridade que proporciona a OTAN. Ninguén quere atoparse nun mundo tan hostil como o actual sen aliados", remarca.

Destrutores de Rota

Sobre o acordo bilateral entre os Gobernos de Biden e Sánchez para ampliar a dotación de destrutores americanos na base gaditana de Rota, apunta o coronel que virían a complementar as defensas antimísiles do territorio aliado. 

"Estamos falando de contornos moi complicados e países hostís, como Rusia ou Oriente Medio, con capacidade balística importante para acadar os nosos territorios. Con isto refórzase ese paraugas defensivo antimísiles sobre o territorio aliado", remata.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade