Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta destinará o Fondo de Transición Xusta a paliar o peche de Meirama e As Pontes

A Xunta destinará o Fondo de Transición Xusta a paliar o peche de Meirama e As Pontes

O investimento total será de 111 millóns de euros co que se quere impulsar proxectos tractores que permitan transformar o tecido empresarial das zonas afectadas

G24.gal 02/06/2022 11:09 Última actualización 02/06/2022 14:09

O obxectivo é paliar os efectos da transición enerxética nas comarcas prexudicadas polos peches das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Este fondo de orixe europea mobiliza en Galicia 111 millóns de euros para relanzar as economías destas zonas.

"A poboación afectada está pedido certezas, cun futuro que se volve máis sombrío, máis negro, co peche desas, empresas, e polo tanto son necesarios apoios concretos, e relanzar proxectos empresariais", dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O Fondo de Transición Xusta quere impulsar proxectos tractores que permitan transformar o tecido empresarial das zonas afectadas. Coa creación de novas empresas, a transformación de proxectos xa existentes ou a compra de activos de industrias que pechan.

E aínda que ese fondo está dotado con 111 millóns, a Xunta cre que os seus efectos se poden chegar a multiplicar ata por catro. "Ao final o obxectivo é chegar mobilizar un mínimo duns 400 millóns de euros nunha parte do territorio de Galicia, na provincia da Coruña, especialmente nesas comarcas nas que estaban as grandes centrais, que non será por non avisalo, sufriron e están sufrindo as consecuencias dunha transición enerxética mal executada", afirmou Rueda.

A contía vai dende o 15 ao 35 por cento do proxecto, en función do tamaño da empresa. As grandes empresas teñen ata o 23 de xuño para manifestar o seu interese nestas axudas.

Xestión do litoral

Alfonso Rueda dixo ademais que aspira a pactar cos líderes dos partidos da oposición, Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG), na reunión que manterán o vindeiro luns "tres ou catro temas" de país para poder defendelos como unha postura común de Galicia cando sexa convocado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Un deses temas, explicou, é a reivindicación de que Galicia poida xestionar o litoral, algo que segundo o Goberno non podería facer sen modificar o Estatuto de Autonomía.

Para Rueda esta postura do Executivo é un "novo obstáculo" e unha "mala escusa", xa que segundo os "expertos" da Xunta non sería necesaria unha reforma estatutaria.

O presidente galego sinalou que a lexislación actual pon "en serio risco a moitas empresas" que teñen a súa actividade na costa e lamenta que o Goberno non teña en conta as particularidades de Galicia.

Polo cuántico

O Consello da Xunta tamén aprobou un convenio de case dez millóns de euros coas tres universidades e o Centro de Supercomputación de Galicia para desenvolver un programa de comunicación cuántica na nosa comunidade.

Entre as aplicacións da tecnoloxía cuántica está garantir a seguridade e a confidencialidade das comunicacións. Outro dos obxectivos deste convenio é mellorar os sistemas de conexión dos drons.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar