Publicador de contidos

Publicador de contidos

Case dez anos sen saber do paradoiro de seu pai

Case dez anos sen saber do paradoiro de seu pai

Elías Carrera, natural de Ourense, desapareceu en Vigo en xullo de 2013 con 61 anos

A familia mantén activa a súa busca e piden non esquecerse das persoas desaparecidas

G24.gal 10/03/2023 14:21

En Galicia hai 200 persoas desaparecidas. Duascentas familias que agardan esperanzadas ter novas dos seus seres queridos. Na semana dos desaparecidos sen motivo coñecido, quixemos falar cunha destas familias. A de Elías Carrera, natural de Ourense e do que se perdeu a pista hai case 10 anos, en Vigo.

"Estamos con moita angustia de non saber del"

"Oxalá non cheguemos a ese aniversario dos dez anos. Que esté con nós antes, saber algo del antes. Estamos cunha pena moi grande, con moita angustia de non saber del", explica Sandra Carrera, filla de Elías.

Así é o sentir de Sandra, unha das fillas de Elías Carrera que desapareceu un 17 de xullo de 2013 en Vigo con 61 anos. Sen unha nota, sen unha explicación, sen ningunha sospeita do motivo da súa marcha.

"El levaba un ano e nove meses animicamente moi baixo, pero nunca pensamos que puidera facer algo así porque meu pai é unha persoa moi traballadora, responsable, amigo dos seus amigos e moi familiar" destaca Sandra. 

"Non hai que esquecer que son persoas e hai que implicarse máis"

Aquel 17 de xullo de hai case dez anos, Elías, taxista de profesión, saíu da súa casa pola tarde. Alugou un coche na estación de tren de Ourense co que se desprazou ata Vigo para deixalo noutra estación. A partir de aí perdéuselle a pista.

"Hai unha gravación que se ve que sae polo seu propio pé. Son fiables porque se ve que é el. Non vai acompañado, non leva maletas nin bultos. Só leva unha bolsa", indica a filla de Elías Carrera.

Sandra, súa nai e súa irmá manteñen a busca de Elías activa e agradecen a todas as persoas, asociacións e ás forzas e corpos de Seguridade o seu labor e apoio. Con todo, piden non esquecerse nunca de todas as persoas desaparecidas.

"Non hai que esquecer que son persoas e hai que atopalas" di Sandra e engade que "non é un tema para deixar á marxe, todo o contrario, hai que implicarse e implicarse máis".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade