Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cando as historias cotizan, por María Bastida

OPINIÓN

Cando as historias cotizan, por María Bastida

REUTERS/Dado Ruvic
María Bastida 09/12/2025 07:47

Hai operacións corporativas que moven mercados e outras que moven placas tectónicas. A compra de Warner Bros Discovery por parte de Netflix e a OPA hostil de Paramount para impedila pertence a esta segunda categoría. Os mercados tenden á concentración como a choiva tende a caer cara a abaixo: por pura gravidade económica. E aquí estamos, ante a maior concentración audiovisual do século.

Netflix non compra Warner por nostalxia nin por emoción cinéfila. Compra propiedade intelectual, subscritores cativos, barreiras de entrada e poder de negociación. Compra tempo, escala e unha asimetría competitiva case insalvable para o resto. Compra o único que hoxe dá vantaxe no capitalismo dixital: ser tan grande que o mercado se adapte a ti e non ao revés. Paramount sábeo, por iso reaccionou cunha OPA hostil case teatral. Cando un competidor adquire un activo que altera a estrutura da industria e redefine os equilibrios de poder, a teoría económica é clarísima: ou respondes, ou desapareces. Paramount decidiu responder.

O problema é que aquí xa non falamos só de competencia, senón de cultura. E a cultura é unha mercadoría peculiar: xera identidades, produce externalidades, moldea narrativas colectivas. Aí está a incomodidade de fondo. Porque cando unha soa plataforma controla a produción, a propiedade intelectual, a distribución global, os datos de consumo e os algoritmos que determinan que ve o mundo e en que orde, xa non estamos ante un competidor con vantaxe, é un case-regulador privado do ecosistema audiovisual.

Que Donald Trump cheirase aquí unha oportunidade política e un filón regulador só confirma o obvio, que isto vai máis de poder que de operación empresarial. A pregunta relevante é outra: quen controla a infraestrutura cultural do século XXI? Porque Netflix non só produce contido, controla a interface a través da cal o consumimos. Non se trata de quen fai mellores series, senón de quen decide que historias existen, cales desaparecen e cales obteñen permiso algorítmico para sobrevivir.

Mentres tanto, Hollywood está en choque. Os sindicatos temen perder capacidade de negociación, as salas temen perder relevancia e moitos actores temen perder a súa industria. E o consumidor? A curto prazo, non verá nada. As grandes fusións sempre empezan prometendo continuidade. Pero a medio prazo, prepárense para prezos máis altos, catálogos menos diversos e un ecosistema cada vez máis dependente dunha soa porta de entrada.

En resumo, toda esta operación suxíreme dúas sensacións contraditorias. Por unha banda, admiración pola intelixencia estratéxica do movemento. Netflix executou unha xogada que calquera estratega empresarial poñería de exemplo. Por outra, certa preocupación polo que isto significa para o futuro do ecosistema cultural. Creo que, dentro duns anos, miraremos esta operación como hoxe a compra de Instagram por Facebook ou de Marvel por Disney: un momento no que o equilibrio do sector cambiou para sempre… e non necesariamente para ben.

En resumo, paréceme brillante. E paréceme perigosa. As dúas cousas á vez. E precisamente por iso é tan relevante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade