Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cambio de paradigma en Europa: un gravame extraordinario sobre as empresas enerxéticas, por María Cadaval

OPINIÓN

Cambio de paradigma en Europa: un gravame extraordinario sobre as empresas enerxéticas, por María Cadaval

María Cadaval 16/09/2022 08:00

A situación de crise que vive Europa acaba de introducir un cambio de paradigma na política comunitaria, que consiste en que as empresas mais beneficiadas pola guerra contribúan de xeito extraordinario a paliar os seus efectos e, de paso, permitan un certo alivio na inflación.

Tras a celebración do debate sobre o estado da Unión, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, anunciou que os socios comunitarios chegaron a un acordo para que as enerxéticas e petroleiras asuman unha parte do custo da crise. Estiman que os beneficios destas empresas estarán cinco veces por riba do esperado nun ano ordinario, moito mais do que se recolle nas súas provisións.

A guerra, que ten consecuencias nefastas para a maior parte da poboación, dispara o prezo da enerxía, e iso provoca, como consecuencia do sistema marxinalista europeo, que as enerxéticas reciban unha sobre retribución en forma de “beneficios caídos do ceo” aos que agora Europa quere poñer couto: “Todo o que estea por riba de 180 MW/h non ten sentido”, afirmou a presidenta da Comisión. Así que as enerxéticas quedarán gravadas cun novo tributo que afectará ás compañías que en 2022 supere nun 20 % a media dos beneficios dos tres anos anteriores, ás que detraerá, como mínimo o 33 % dos seus beneficios.

A pesar da diferenza de nomenclatura que se utiliza en Europa (taxa) ou en España (imposto) o vector resultante é o mesmo, co matiz de que a UE non quere chamar imposto a iso que acaba de deseñar porque, dese xeito, tería que aprobarse por unanimidade dos Vinte e sete. A urxencia do momento exixe que non se poida arriscar a que ningún país exerza o seu dereito de veto, de ai que Europa fale de taxa, e no Congreso dos Deputados de España se falase de imposto. O vector resultante é a creación dun gravame extraordinario e temporal, que ten como obxectivo recadar 140.000 millóns de euros suplementarios a repartir entre os distintos Estados, con carácter finalista, co obxectivo de que se traduza nun aforro para a cidadanía.

De xeito paralelo, o Congreso votou a favor da proposición de lei do PSOE e Unidas Podemos para a introdución dun imposto temporal sobre os beneficios extraordinarios ás grandes compañías enerxéticas. As dúas figuras tributarias teñen un espírito común, mais tamén importantes diferenzas.

Que pretende gravar cada proposta?

A UE establece un gravame sobre os beneficios

A proposta española pivota sobre un gravame aos ingresos (España desconfía de que as enerxéticas poidan levar a cabo exercicios de enxeñería contable que acaben desvirtuando o resultado, tal e como se ten comprobado en Italia, que esperaba recadar 10.000 millóns de euros cun imposto semellante e acadou os 4.000 como consecuencia da modulación dos beneficios das empresas gravadas).

Cal é o destino dos fondos recadados?

No caso europeo establécese que os 140.000 millóns de euros que se estima recadar irán a un Fondo Finalista co fin de “beneficiar aos consumidores e actividades, preferentemente aos mais vulnerables”.

En España os ingresos que se reciban por este medio irán ao peto común, de xeito que a finalidade dos recursos pode ser aliviar a factura dos consumidores ou outra que o Executivo considere oportuna.

A duración é a mesma? Non

Europa contempla un ano de duración dende a súa entrada en vigor.

En España o deseño estima o dobre de duración, dous anos.

No que si coinciden ámbalas dúas figuras tributarias é na estimación da recadación, pois Bruxelas fala do 5 % dos beneficios, en España estimouse un 4,8 %, unha cifra moi próxima. Do mesmo xeito, hai coincidencia no perímetro do alcance, que afectará tanto ás eléctricas coma ás petroleiras. Con todo, haberá que agardar e ver como queda finalmente o gravame. O mais probable é que a opción española se adapte ao deseño que fai a Comisión Europea, tras o consenso dos Vinte e sete.

Corren novos tempos que traen consigo novas respostas, ben diferentes daquelas que se adoptaron tras a crise financeira do 2008.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade