Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas ultima un embargo ao petróleo ruso e avanza alternativas de subministración

Bruxelas ultima un embargo ao petróleo ruso e avanza alternativas de subministración

Os ministros de enerxía propoñen facer compras conxuntas, aumentar as reservas e impulsar as enerxías renovables

G24.gal 02/05/2022 20:17

O Consello de Enerxía da Unión Europea estuda como desengancharse o antes posible do gas e do petróleo rusos. A decisión de Moscova de cortarlles a subministración de gas aos que non paguen en rublos fai aínda máis urxente acelerar o proceso. Primeiro foron Polonia e Bulgaria, pero outros países comunitarios poderían ter problemas a medio prazo.

"Estivemos traballando moi de preto coa Comisión Europea, con Alemaña e con aqueles estados membros que teñen unha maior vulnerabilidade, unha maior dependencia dos aprovisionamentos de Rusia. O noso principal obxectivo é reducir precisamente esa dependencia o antes posible", aseguraba a vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera.

Ese camiño pasa por aumentar as reservas enerxéticas, diversificar a subministración co gas licuado que vén en barco e non a través de gasodutos, facer compras conxuntas e impulsar ao máximo as enerxías renovables. Os ministros europeos de enerxía non entran, segundo Teresa Ribera, na decisión de prohibir a importación de petróleo ruso.

"Non está programado que nós falemos de sancións, é unha decisión do Consello Europeo", aseguraba Ribera antes de comezar a reunión.

Pero o certo é que si se tratou o asunto. Polonia volveu liderar a petición de prohibir que os 27 importen gas e petróleo de Rusia, unha medida á que cada vez están máis abertas Alemaña e Austria pero para a que mantén o veto a Hungria de Viktor Orbán. A UE trata de salvar ese último atranco para sacar adiante o embargo do petróleo ruso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade