Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas propón recurtar os ingresos das enerxéticas para frear os prezos

Bruxelas propón recurtar os ingresos das enerxéticas para frear os prezos

A Comisión Europea pide introducir un tope ás compras de gas ruso e establecer un aforro obrigatorio de electricidade

G24.gal 07/09/2022 13:04 Última actualización 07/09/2022 19:33

A Comisión Europea propuxo este mércores cinco iniciativas para responder aos "astronómicos" prezos enerxéticos.

Entre esas medidas: introducir un tope ás compras de gas ruso, reducir os ingresos das compañías enerxéticas e establecer un aforro obrigatorio de electricidade.

A xefa do Executivo comunitario Ursula von der Leyen explicou tamén nunha conferencia de prensa que outra das medidas pasa por axudar ás compañías enerxéticas que, debido á volatilidade dos prezos do gas, están a enfrontarse actualmente a problemas de liquidez.

"Estamos a enfrontarnos a unha situación extraordinaria porque Rusia non é un provedor fiable e está a manipular os mercados enerxéticos", argumentou a política alemá.

As propostas chegan a dous días de que os ministros de Enerxía da UE se reúnan en Bruxelas para pactar os seguintes pasos. 

A principal medida será unha proposta para limitar o prezo de compra do gas ruso co obxectivo "moi claro" de "reducir os ingresos que  Putin utiliza para financiar a súa atroz guerra en Ucraína".

Von der Leyen asegurou que este tope ao prezo do gas podería ser efectivo "moi rápido" e tamén engadiu que a Comisión tamén está a barallar aplicar un límite aos prezos do gas natural licuado  que chega en barco, aínda que non é unha das cinco medidas expostas formalmente aos Estados membros.

En segundo lugar, Bruxelas propoñerá aos Vinte e sete "un límite sobre os beneficios dos que producen electricidade a baixo custo", como as renovables, a nuclear ou a hidráulica, e que están a rexistrar uns ingresos "inesperados" cos que "nunca contaron, nunca soñaron, que non poden investir tan rápido" e que "non reflicten os seus custos de produción".

Outra proposta do Executivo comunitario pasa por introducir unha "contribución de solidariedade" sobre as compañías petroleiras e gasísticas, que tamén están anotando "beneficios masivos" nesta crise para obter outros ingresos que despois sexan distribuídos a fogares e empresas.

En cuarto lugar, e en liña co aforro voluntario do 15 % de gas acordado o pasado xullo polos países da UE, Bruxelas propón agora unha redución obrigatoria do consumo eléctrico nos picos de demanda. 

O obxectivo da quinta e última iniciativa é axudar ás compañías enerxéticas que se están enfrontando a problemas de liquidez derivados da volatilidade dos mercados, unha situación que "ameaza a súa capacidade de comerciar e a estabilidade dos mercados de futuros".

Nesta liña, Bruxelas actualizará o marco temporal de axudas de Estado para que os Estados membros poidan despregar "rapidamente" avais públicos en apoio destas empresas.

O vindeiro venres, os ministros de Enerxía dos Vinte e sete reuniranse nun consello extraordinario en Bruxelas que deberá servir para debater esta quenda de medidas expostas pola Comisión e as que poidan propoñer os países.

O obxectivo é dispoñer de ferramentas para abaratar os prezos enerxéticos en "semanas", a expensas dunha reforma de calado do mercado eléctrico que levará máis tempo. 

Vladimir Putin  ameazou xa con cortar as subministracións de petróleo e gas se a UE limita os prezos. O presidente ruso reitera que Rusia non subministrará nin gas nin petróleo nin carbón se se materializa a proposta de poñer tope aos prezos das materias primas rusas. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade