Joe Biden desbota "de momento" enviar cazas F16 a Ucraína
Joe Biden desbota "de momento" enviar cazas F16 a Ucraína
O presidente dos Estados Unidos considera que polo de agora Ucraína non os precisa
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, desbota "por agora" enviar cazas F-16 a Ucraína. Biden desatende así a petición lanzada polo seu homólogo, Volodímir Zelenski. Nunha entrevista na canle de televisión ABC, o mandatario norteamericano explicou que, segundo os líderes militares dos EUA, non existen motivos lóxicos para enviar estes avións, xa que Ucraína "non precisa F-16 agora".
O Departamento de Defensa estadounidense anunciou o envío dun novo paquete de axuda militar a Kíiv por valor de 2.000 millóns de dólares, que inclúe mísiles HIMARS, munición de artillería e drons. O envío apróbase coincidindo co primeiro aniversario da guerra e pon o broche final a unha semana que comezou coa visita por sorpresa de Biden a Kíiv.
"Un ano despois, Kíiv segue en pé. Ucraína segue en pé e a democracia segue en pé. Estados Unidos permanece á súa beira, o mundo enteiro permanece ao seu lado".
Biden proclamou o seu apoio "sen fisuras" a Ucraína e así llo trasladou ao propio Zelenski, co que se reuniu no Palacio Mariinsky da capital.