Publicador de contidos

Publicador de contidos

Biden, ao Papa: "Es o maior loitador pola paz que coñezo"

Biden, ao Papa: "Es o maior loitador pola paz que coñezo"

Francisco bendí o presidente dos EUA como "bo católico" nunha xuntanza en que falaron de clima e inmigración
 

G24.gal 29/10/2021 18:37

O presidente estadounidense, Joe Biden, asegurou que o Papa lle dixo que é "un bo católico" que debe "seguir recibindo a comuñón", na longa reunión que mantiveron hoxe no Vaticano, en que dialogaron durante 75 minutos sobre a crise climática e a asistencia á migración, e onde reinou a proximidade e a cordialidade.

Francisco e Biden agarráronse as mans en sinal de amizade, segundo as imaxes proporcionadas polo Vaticano, mentres falaban e tamén houbo momentos en que o pontífice se ría coas palabras do mandatario, o segundo presidente católico da historia dos Estados Unidos en ser recibido por un Papa, despois de John Kennedy.

O presidente demócrata visitaba o Vaticano no medio das críticas de que foi obxecto por parte dos sectores máis conservadores da Igrexa católica estadounidense pola súa posición a favor do dereito ao aborto.

Preguntado sobre se falaran sobre a súa postura sobre o dereito ao aborto, Biden respondeu: "Non, non o fixemos. Só falamos sobre o feito de que el estivese contento de que eu fose un bo católico e que debería seguir recibindo a comuñón".

Segundo unha nota do Vaticano, durante a reunión privada falouse "do compromiso común coa protección e o coidado do planeta, da situación sanitaria e a loita contra a pandemia da covid-19", pero tamén o Papa insistiu a Biden "no tema dos refuxiados e a asistencia aos migrantes".

Tamén se fixo referencia "á protección dos dereitos humanos, incluído o dereito á liberdade de relixión e de conciencia e repasáronse "algunhas cuestións relativas á actualidade internacional, no contexto do cumio do G20 en Roma", e sobre conseguir a paz mundial "mediante a negociación política"

Durante a audiencia, Biden díxolle ao Papa: "Es o maior loitador pola paz que coñezo", como se escoita no vídeo da reunión. Viviuse un momento de conmoción cando Biden entregou ao Papa unha moeda co selo dos EUA nunha cara e o selo de Delaware na outra, o estado do que fora gobernador Beau Biden, o fillo maior do presidente falecido de cancro aos 49 anos.

"O meu fillo querería que tiveses esta moeda", dixo Biden e engadiu de broma: "A tradición di que se non a tes na nosa próxima reunión, terás que pagar as bebidas".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade