Aumentan as denuncias de roubos nas tendas do Ensanche compostelán
Os denunciantes din que os autores son sempre os mesmos, individuos aos que relacionan con varios narcopisos da zona
Aseguran que buscan produtos fáciles de vender, ben sexa na rúa ou a cambio de droga
Teñen o inimigo na casa.
"Hai un punto de venda de drogas en fronte e hai unha persoa en particular, que xa é coñecido por todas as compañeiras doutras perfumerías, que nos entra todos os días e leva o que pode", confirma a encargada dun dos comercios afectados.
Pasou nas últimas horas. Roubaron, unha vez máis e van unhas vinte, uns perfumes nunha tenda do centro e intentaron vendelos a só uns metros.
"Entrou un mozo e preguntou se quería uns perfumes baratos, moi baratos. Díxenlle que non porque xa imaxinei que era mercadoría roubada", comenta a empregada dunha cafetería próxima.
"Hai pouco ofrecéronme un queixo a dous euros. Están buscando cartos por todas partes e os que máis o sofren son os supermercados", coincide outro comerciante.
"E a perfumería, por suposto, porque é un produto moi fácil e moi apetitoso e tamén as ópticas", lamenta Dulce Calvo, outra das afectadas.
O último ano está sendo un pesadelo, sobre todo nalgúns establecementos que son especialmente apetecibles. Xa tremen pensando no Nadal.
"O perfume é algo moi solicitado e máis nestas datas. Entón, a xente vaille encargando. Tivemos que cambiar o escaparate porque xa entraba directamente, collía o produto. Xa o tiña moi estudado", engade a propietaria de Dulce Calvo.
"Parece que hai varios pisos nesta rúa e que leves o que leves, danche droga", completa a outra encargada.
É unha práctica habitual. De feito, no desaloxo do narcopiso das Fontiñas, a veciñanza puido confirmar as súas sospeitas.
"Había unhas bicicletas, unha Karcher e varias cousas. Encheron dúas furgonetas de cousas que a priori parecían roubadas", explica un veciño do edificio.
Levaban tempo alí. Non sempre os mesmos, pero si o mesmo perfil: inquiocupas dedicados ao tráfico miúdo, que traían os veciños de cabeza. A desesperación chegou a tal punto que mesmo contrataron seguridade privada para evitar o sobe-baixa constante.
"Polas noites non podían entrar no edificio, entón baixaban eles e vías os mesmos movementos no parque, na rúa, máis abaixo na rotonda..., por todas as partes", engade o home.
Agora mesmo, o último inquiocupa está detido e o piso precintado. Por fin, respiran aliviado. O que non saben é por canto tempo.