Publicador de contidos

Publicador de contidos

Apróbanse os presupostos do Concello de Vigo cos votos a favor do PSOE

Apróbanse os presupostos do Concello de Vigo cos votos a favor do PSOE

Partido Popular e Marea de Vigo presentaron senllas emendas á totalidade, que foron rexeitadas polo pleno, do mesmo xeito que as 83 emendas parciais presentadas polo BNG

Pleno extraordinario de Vigo onde se aprobaron os presupostos Pleno extraordinario de Vigo onde se aprobaron os presupostos
G24.gal 17/11/2021 11:23

O pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores, cos únicos votos do PSOE, os presupostos de 2022. Con 285,5 millóns de euros, serán os maiores da historia de Vigo. 

Partido Popular e Marea de Vigo presentaron senllas emendas á totalidade, que foron rexeitadas polo pleno, do mesmo xeito que as 83 emendas parciais presentadas polo BNG.

Os orzamentos foron presentados polo concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, quen dixo deles que son "reactivadores, incentivadores da actividade económica, do dinamismo que ten a cidade, garantes de servizos públicos de calidade e equilibrados non só en termos económicos, senón tamén sociais".

Aneiros destacou o orzamento para política social, de 22 millóns de euros, e engadiu que "non hai límite" en función das necesidades da cidadanía.

O líder dos populares, Alfonso Marnotes, afeou ao Goberno a falta de axudas á hostalería e ao pequeno comercio, sinalou que a partida para política social é escasa e criticou que se reduciu un 25 % a partida destinada á promoción de emprego, cando o11 % dos vigueses en idade de traballar está no paro.

O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez cualificou a exposición de Aneiros de "anuncio publicitario que está moi ben para vender a cidade en Fitur".

Pérez criticou que o Goberno meta en política social "absolutamente todo", pero que, en realidade, as partidas sociais finalistas, "que son as que importan", supoña 65 euros de gasto social ao ano por habitante, moi lonxe dos cen que serían desexables e un menos que nos últimos orzamentos. 

O BNG presentou 83 emendas parciais e lamentou non poder votar a favor dos orzamentos, como noutras ocasións, porque non son bos para a cidade. O portavoz dos nacionalistas, Xabier Igrexas, dixo que se trata dunhas contas "elaboradas en réxime de monólogo" que adoecen de inercia: "Máis do mesmo, falta de proxecto e falta de ideas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade