Aumentan as celebracións de vodas alternativas, menos formais e sen protocolo
Aumentan as celebracións de vodas alternativas, menos formais e sen protocolo
Empresas de eventos organizan vodas en carballeiras, praias ou ruínas ao gusto das parellas
A pandemia deixou moitas parellas sen celebracións de voda, nin con familia nin con amigos. Agora parece que se dispara de novo a temporada de vodas pero moitas buscan alternativas ás festas nupciais formais.
Casar e celebrar unha voda máxica nunha carballeira, nun mosteiro abandonado ou nunha praia ao solpor xa é posible, grazas a empresas que planifican todos os desexos da parella.
Xosé Santiso, responsable de Eventos Fogar do Santiso, recibe os invitados ao son da súa gaita e co recendo dos ricos produtos que xa se asan na grella.
No Fogar do Santiso están de aniversario: 26 anos fai que se dedican á restauración e algúns menos, aos eventos especiais como as vodas, pero non unhas calquera, o seu son as vodas máxicas, un concepto no que mesturan cultura, tradición e festa coa excelencia do produto.
"Queremos revivir as romarías tradicionais, que a xente o pase ben nunha festa onde se recorden as nosas tradicións, o noso arraigamento, as nosas raíces á nosa terra, o que levamos facendo 26 anos. Temos hortas ecolóxicas, temos gando, traballamos cos mariñeiros... entón, ao final, o que queremos é que a xente veña a unha festa onde o produto sexa o protagonista", conta Xosé moi fachendoso.
Tras a pandemia, a xente, polo visto, volve querer casar e teñen xa moitas reservas para vodas alternativas, nin protocolizadas nin sexistas, que reflictan o sentir xenuíno da parella nunha experiencia inesquecible para eles e os invitados.
"Agora parece que á xente lle entrou outra vez gañas de casar. Aquí no medio do monte, nunha praia, nunha ruína... que é un pouco o que fomentamos, saírse desa mesa con mantel, dese protocolo. Fai pouco fixemos unha medieval en Allariz, hai xente que quere vodas máis excéntricas. Pedir é libre, a xente pide de todo"
Por estilo, por economía ou por necesidade, as razóns son múltiples para querer celebrar unha voda diferente. E sempre hai quen faga os soños realidade.