A Xunta inviste 67 millóns de euros en dous novos tramos da autovía AG-59
O primeiro dos dous treitos aprobados polo Consello da Xunta estará en obras en 2023
Rueda asegura que mellorará a competitividade económica da comarca
O salón de plenos do concello da Estrada acolleu esta mañá a presentación do proxecto que completa a autovía que conecta a vila pontevedresa con Santiago. O primeiro dos dous treitos aprobados polo Consello da Xunta vai estar en obras o ano próximo.
Ten tres quilómetros e medio que, sumados ao segundo de 4 quilómetros, teñen un custo de 67 millóns de euros. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que esta conexión mellora a seguridade viaria, a competitividade económica da comarca e achega o propósito do seu Goberno de que o 80% dos galegos vivan a 15 minutos dalgunha vía de alta capacidade.
As obras do primeiro treito van durar 20 meses e as do segundo licitaranse en 2023.
"Este proxecto vai supoñer un antes e un despois para as comunicacións e para a vida e a competitividade da Estrada e toda a comarca", salientou Alfonso Rueda.
O presidente galego avanzou que en xaneiro levaranse a cabo as expropiacións para executar a primeira fase das obras do tramo entre A Ramallosa e Pontevea. As obras licitaranse ao longo do primeiro trimestre e durarán uns 20 meses, mentres que a Xunta avanza o proxecto da segunda fase entre Pontevea e A Estrada.
Rueda explicou que será una infraestrutura "tecnicamente complexa" porque ten que incluír a execución de tres viadutos para salvar os ríos Santa Lucía, Ulla e Vea.