Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta e os transportistas rexeitan a proposta para a A-6 do Goberno e expoñen outra

A Xunta e os transportistas rexeitan a proposta para a A-6 do Goberno e expoñen outra

O sector propón, en caso de neve, empregar a N-6 cambiando o sentido de entrada en Pedrafita para non ter que facer un rodeo polo Barco e Monforte na N-120

EFE 07/11/2022 13:40

A Xunta e os transportistas rexeitan a alternativa proposta polo Goberno central ante o problema de tráfico na A-6, polo derrube do viaduto do Castro, para este inverno por considerala "inviable" e expoñen outra que é pasar pola nacional en Pedrafita, aínda que cambiando o sentido de entrada.

Esta é a proposta que defenderá a Xunta de Galicia na reunión que manterá o próximo día 15 co Ministerio de Transportes e a Junta de Castela e León sobre esta vía de entrada a Galicia, tras o derrube do viaduto do Castro o pasado mes de xuño, e as razóns deste colapso.

Segundo explicou o representante da Federación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada (Fetram), Diego Arias, é "inaceptable" a alternativa da N-120 polo Barco de Valdeorras e Monforte que propoñen desde o Ministerio porque iso supoñería unha "volta de 50 ou 60 quilómetros" e un gasto de "cen euros a maiores por vehículo de entrada e outros de saída" e unha hora e media de tempo, aproximadamente.

Por iso, asegurou que están dispostos a "mobilizacións e o que faga falta" xa que se negan a utilizar esta opción, mentres que propoñen que se habilite a N-6 ao seu paso por Pedrafita, cambiando o sentido de entrada para "saír polo pobo e entrar polo desvío".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuníronse esta mañá en Santiago de Compostela cos representantes de Fegatramer (Federación Galega de Transportes de Mercadorías) e Fetram, que agrupan á maior parte das asociacións do sector, para abordar esta problemática que se acentúa coa chegada do inverno e a neve na zona.

Rueda criticou que despois de varios meses do colapso do viaduto a Xunta aínda segue sen coñecer as causas, polo que no encontro, que será por videoconferencia, reclamará saber que pasou e "por que unha obra de reparación de 25 millóns de euros a piques de abrirse de súpeto derrubouse" e tamén cando se vai poder restaurar o tráfico normal na zona.

Á parte de reclamar a documentación sobre a alternativa para o tráfico pesado que expón o Goberno, instoulle a que "escoite" os transportistas e que "non se volva a equivocar" cunha alternativa "que non lles vale e que non van usar".

Para o presidente galego está claro que "se isto se estivese producindo noutros lugares de España o Goberno estaría a ser máis dilixente", e pediulle que opte por unha alternativa "viable e "útil" como a que propoñen os representantes dos transportistas.

A conselleira de Infraestruturas asegurou que a postura de Galicia está "totalmente consensuada" coa de Castela e León, que tamén solicitou informes técnicos antes da reunión para poder estudalos por adiantado.

Pola súa banda, o presidente de Fegatramer, Ramón Alonso, lembrou que a interrupción do tráfico polo viaduto da A-6 está "a prexudicar moito" ao sector e apuntou que lles parece "raro" que despois de tantos meses do colapso aínda non se coñeza "que pasou".

Segundo explicou, coa chegada do inverno e a neve non lles vai ser posible circular polo desvío habilitado provisionalmente polo Goberno, xa que ten un 16 % de pendente e termina nunha rotonda polo que a manobra é "practicamente imposible" para os vehículos pesados, ao ter que parar e volver arrincar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade