A Xunta asina cos principais axentes económicos e sociais a Alianza Galega polo Clima
Os principais axentes económicos e sociais da nosa comunidade únense nesta iniciativa impulsada pola Xunta co obxectivo de reducir na medida do posible o quecemento global
Galicia prevé investir máis de 600 millóns de euros na transición enerxética ata 2024
As universidades galegas, autoridades portuarias, a Confederación Galega de Empresarios (CEG) e unha vintena das principais empresas galegas asinaron este luns coa Xunta unha alianza contra o cambio climático, co obxectivo de situar a Galicia "á cabeza" das rexións europeas neste ámbito.
Así o destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen instou a non ser "indiferentes" fronte ao cambio climático e non deixar as actuacións para o futuro porque este fenómeno xa é unha "ameaza" para o presente, tanto a nivel social, como económico e ambiental.
"É preciso traballar desde xa para os retos do agora, non para o futuro. Se non preparamos o presente dificilmente poderemos preparar o futuro", advertiu, tres lembrar que un dos obxectivos é alcanzar en 2050 a neutralidade climática en Galicia, ao reducir as emisións de CO2 a un nivel no que poidan ser absorbidas polos sumidoiros naturais, como os bosques e os mares.
Para alcanzar resultados será necesario actuar "unidos e coordinados", indicou, entre as administracións, as empresas e os particulares, porque se trata dun problema que require solucións "inmediatas, de carácter global e local".
Por iso, encomiou que todas as entidades asinantes, do sector público e privado, unan as súas forzas para traballar cunha mesma filosofía, que é "deixar unha Galicia mellor ás próximas xeracións".
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, destacou as medidas adoptadas pola Xunta como a primeira lei do clima de Galicia, que está previsto aprobar a finais deste ano, a estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, ou o pacto das alcaldías para o clima, ao que están adheridos 285 concellos cun total de 2,5 millóns de habitantes.
Entre os asinantes da alianza, atópanse as tres universidades galegas, as autoridades portuarias da Coruña, Ferrol-San Cibrao, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Marín, e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Tamén empresas como Abanca, Inditex, Hijos de Rivera, Coca-Cola, Peugeot-Citroën, Sogama e Ecoembes, entre outras.
Os compromisos que asinaron hoxe inclúen asumir as liñas estratéxicas que se marcarán anualmente, ademais de establecer accións dirixidas á mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre esta materia; promover e apoiar a investigación; ou impulsar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Trátase dunha "alianza aberta", asegurou Rueda á que poderán adherirse todas as entidades que o desexen "porque queda moito por facer, pero xuntos será máis fácil”, concluíu.