Publicador de contidos
Publicador de contidos

Luz verde da Xunta ao plan director do naval e ás leis de IA e de medios

Luz verde da Xunta ao plan director do naval e ás leis de IA e de medios

"É un sector fundamental na nosa eonomía", salienta Alfonso Rueda sobre o naval, ao que se prevén investir 60 millóns de euros

Galicia, primeira comunidade en regular a Intelixencia Artificial para potenciala e facela "ética e segura"

A lei de medios públicos establece un prazo máximo de tres meses para iniciar no Parlamento o proceso de renovación dos órganos de dirección da CRTVG

G24.gal 02/12/2024 14:50 Última actualización 02/12/2024 15:27

O plan director do naval busca dar resposta ás necesidades das empresas do naval, un sector estratéxico para Galicia. Medidas para impulsar a diversificación, abrir novos mercados e novas liñas de financiamento para que as empresas poidan seguir medrando. 

"É un sector fundamental na nosa economía, 14.000 empregos directos 2.500 millóns de euros de facturación anual, e representa algo máis do 3,5 do noso PIB e ademais a boa saúde do sector permitiu que fósemos líderes en España en construción naval neste 2023", explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

 

Esta folla de ruta, que contén un total de 60 medidas, foi consensuada coas empresas do sector e as universidades. Botará a andar a primeiros de ano. 

"O que fixemos hoxe foi aprobalo inicialmente, remitilo ao Consello Económico e Social e agardamos que antes de final de ano ou a máis tardar a comezos de xaneiro estea aprobado de xeito definitivo para poder comezar a poñelo en marcha", confirmou Alfonso Rueda.

O plan director do naval prevé un investimento de 60 millóns de euros.

Luz verde á lei de intelixencia artificial e á lei de medios

A Xunta aprobou este luns dous importantes proxectos lexislativos, o da lei de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia e o da lei de medios públicos. 

Segundo explicou o presidente galego a normativa de intelixencia artificial situará a Galicia como "primeira rexión europea" en regular a adquisición e uso da intelixencia artificial por parte da administración pública.

Esta lei supoñerá o establecemento dun rexistro público do que deben de formar parte todos os sistemas de intelixencia artificial e a creación dun comisionado de IA para "velar polos intereses da cidadanía e os valores éticos" desta nova tecnoloxía.

Tamén se creará unha oficina de intelixencia artificial, unha comisión técnica para o asesoramento da administración pública e un Consello galego de IA, detallou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, quen asegurou que esta lei "proporcionará seguridade xurídica tanto a persoas como a empresas".

Así, establecerase "a supervisión humana daqueles procesos que así o esixan" e garantirase que esta tecnoloxía "será usada para ofrecer unha atención personalizada, sen riscos nin prexuízos", ademais de asegurar o dereito das persoas para ser informadas da intervención da IA en calquera decisión que lles afecte, e todos os sistemas serán probados con anterioridade.

En canto á nova lexislación audiovisual, a lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, Rueda explicou que se trata de "adecuar a normativa de 2011 aos moitos cambios que se produciron nestes 15 anos" e adaptala ás normativas nacionais e europeas. 

A Xunta defende que con este texto busca acomodar este servizo público á nova sociedade dixital, mantendo o impulso á produción audiovisual feita en Galicia e en galego. A lei recolle  a creación dun consello asesor de participación cidadá. 

A lei establece un prazo máximo de tres meses para iniciar no Parlamento o proceso de renovación dos órganos de dirección da CRTVG, dos que o director xeral será o único que contempla unha elección a tripla volta e inclúe, como última delas, que poida ser elixido por maioría absoluta, a que ostenta o PPdeG.

Con anterioridade, celebrarase unha primeira votación no Parlamento na que a elección será por maioría cualificada de dous terzos, e unha segunda, de tres quintos.

Estas dúas serán as modalidades tamén para a elección do Consello de Administración, integrado polo director xeral e seis persoas, e o Consello Asesor e de Participación, con representantes dos profesionais dos medios públicos, da sociedade, e dos sectores implicados.

Rueda xustificou que se inclúa a posibilidade de elixir o director xeral da CRTVG só con maioría absoluta para "evitar un bloqueo total" no nomeamento deste "posto executivo responsable do traballo diario do ente público".

Alfonso Rueda avanzou que se convocará unha OPE de 28 prazas, en quenda xeral e nove de promoción interna.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade