Publicador de contidos

Publicador de contidos

A visita do rei Xoán Carlos revoluciona Sanxenxo

A visita do rei Xoán Carlos revoluciona Sanxenxo

A ocupación hoteleira, segundo o Consorcio Turístico de Sanxenxo, chega ao 90 por cento

Preto de 200 medios informativos desprazáronse a Sanxenxo para cubrir a visita de Xoán Carlos I 

A presenza do rei emérito suscitou concentracións de apoio e de protesta 

G24.gal 21/05/2022 20:59 Última actualización 21/05/2022 21:39

Da expectación xerada pola visita do rei Xoán Carlos I dan mostra os preto de 200 medios informativos desprazados a Sanxenxo.

"Ten unha repercusión, sobre todo mediática, brutal. Agora mesmo temos unha gran cantidade de medios que lle están dando cobertura a este feito, e polo tanto estamos saíndo en todas as televisións, en todos os medios de comunicación nacionais e mesmo de fóra",  asegura Alfonso Martínez, presidente do Consorcio Turístico de Sanxenxo.

O Consorcio Turístico asegura que a ocupación hoteleira chega esta fin de semana a case o 90 por cento. 

"A verdade é que trouxo moita xente e iso sempre está moi ben. Nótase porque ata que non chega o verán normalmente está máis frouxiño, e entón sempre está ben", comenta  Alexandra Lorente, da Taberna Rotilio.

Esta tarde, o rei Xoán Carlos abandonaba o náutico de Sanxenxo entre mostras de apoio, pero a súa visita está xerando opinións enfrontadas.

"É un cidadán español, se non ten causas que o prohiban por que non vai vir. Paréceme mal que non poida durmir na súa casa".

"Sempre apoiou esta vila e estivo a gusto aquí e nós con que estea".

"Debería pedirlle perdón ao pobo español e aclarar todas as malas operacións que fixo, e nada máis".

"Non son especialmente republicano, pero comentámolo na casa varias veces e esta persoa fixo máis dano que ben".

Entre os detractores, os participantes nesta concentración de protesta convocada polo BNG.

"Non é benvido porque representa todos os valores que rexeitamos, representa a corrupción institucionalizada, a corrupción na xefatura do estado", asegura Néstor Rego, deputado do BNG.

A volta de Xoán Carlos I prodúcese tras case dous anos de residencia en Abu Dhabi, e tres meses despois de que a Fiscalía arquivara as tres investigacións sobre as súas actividades económicas. O luns deixará Sanxenxo con destino a Madrid, onde está previsto que se reúna no palacio da Zarzuela co rei Filipe VI e outros membros da súa familia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade